Inicio Carballo ao día Hemeroteca María Pilar García Negro...

PROGRAMA DAS LETRAS-IV SEMANA DO LIBRO E A LECTURA

María Pilar García Negro gaña o V Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores Concello de Carballo

Venres 29 de maio do 2009

María Pilar García Negro (Lugo, 1953) reside na Coruña. É doutora en Filoloxía e profesora titular da Universidade da Coruña. Como estudosa é experta en literatura e mais en sociolingüística galega. Neste último campo foi autora da primeira tese sobre lexislación lingüística galega, e publicou numerosos artigos e libros básicos na sociolingüística galega como 'O galego e as leis. Aproximación sociolingüística' (1991), 'Sempre en galego' (1993), 'O ensino da língua: Por un cámbio de rumo' (1995) ou 'Direitos lingüísticos e control político' (2000). No ámbito político foi, entre outras cousas, deputada polo BNG no Parlamento galego entre 1989 e 2003. No ámbito social foi presidenta da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña e cofundadora do Comité español do Bureau Européen pour les langues moins répandues e delegada deste en Galiza entre 1985 e 1990. Na actualidade é directora da Fundación Bautista Álvarez.

O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo «GZ Power», do autor lugués Marcos Abalde Covelo. O accésit concédeselle pola capacidade de empatía que o artigo ten co público lector, pola súa fluidez, pola defensa dunha lingua moi viva, útil e válida para todos os contextos sociais, e pola introdución de optimismo discursivo e de toques de humor. O xurado do V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo estivo composto por Belén Puñal, redactora da revista Tempos Novos; Goretti Sanmartín Rei, sociolingüista e directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña; e Nel Vidal Barral, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo e presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).

Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o emprego do galego na prensa escrita. Nas catro edicións anteriores deste certame foron premiados/as autores/as como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa ou Xesús Fraga. O acto de entrega do premio, ao que asistirá a propia autora premiada, María Pilar García Negro, ten lugar no Pazo da Cultura de Carballo e consiste nun espectáculo poético multimedia de Yolanda Castaño. A cita é no auditorio do Pazo da Cultura a partires das 21.00 horas.

Compartir: