Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo afronta a reforma integral da piscina...

FONDO ESPECIAL DE INVESTIMENTO LOCAL (FEIL)

Carballo afronta a reforma integral da piscina Vila de Noia para transformala nun espazo de ocio e saúde

Mércores 27 de maio do 2009

Entre as melloras que se emprenden coa reforma, destaca a remodelación da recepción; o acondicionamento dos vestiarios actuais e a creación de seis novos para grupos e dun para monitores; a dotación da zona de baño con plaqueta antideslizante; a creación dun almacén e o traslado da sala de máquinas; ou a reforma da sala de espera para as persoas que van recoller aos usuarios e usuarias. Pero entre os cambios máis importantes, destaca o derrubo das actuais gradas, xa que no seu lugar se creará un espazo lúdico con spa, jacuzzi, sauna, vapor, banco quente e unha piscina de chapoteo para cativos e cativas.

Tamén hai que subliñar a remodelación completa da faciana do edificio. Construirase unha nova con perfilaría de aluminio e paneis de distintas cores. Substituiranse as portas e substituiranse os acabados. Esta reforma inclúe, así mesmo, a reparación da cuberta externa, que na actualidade deixa pasar goteiras en épocas de choiva. Segundo o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, "trátase dunha obra moi necesaria para unha piscina con 22 anos de vida" e Marcos Trigo sinala que o obxectivo é contar cunha "piscina enfocada cara a competición" (a Carballo Calero) e "outra enfocada cara o ocio e a saúde" (a Vila de Noia), de tal xeito que as instalacións se complementen.

O Concello de Carballo quere pedir desculpas polas posibles molestias ocasionadas aos usuarios e usuarias durante as obras. Nestes momentos, as piscinas municipais contan con 1.520 usuarios e 802 abonados activos, e as instalacións teñen unha media de accesos por ano (entre 2004 e 2009) de 126.377 persoas e uns ingresos en 2009 de 240.253 euros. A piscina Vila de Noia pecha a partires de 1 de xuño -coincidindo co remate dos cursiños e actividades escolares- e mentres duren as obras. Por ese motivo, a piscina Carballo Calero incrementará o seu horario durante o tempo da remodelación, sen pechar ao mediodía no mes de xuño e a partir do 1 de setembro. En xullo e agosto manterá o habitual horario de verán.

Compartir: