Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Centro de Promoción Económica de...

AS XORNADAS CARBALLO EMPRENDE CÉNTRANSE NA LOITA CONTRA A CRISE

O Centro de Promoción Económica de Carballo nace para dinamizar o territorio municipal e os seus diferentes sectores produtivos

Xoves 21 de maio do 2009

O edificio do CPEC conta con dúas plantas, 8 despachos (3 na planta baixa e 5 na superior) e unha sala de reunións. En breve comezará a funcionar acollendo a Antena Local da Cámara de Comercio en Carballo e a Técnico de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello. Tamén está previsto establecer convenios coas asociacións empresariais para que poidan empregar estas instalacións e vaise poñer tamén a disposición dos empresarios interesados en asentarse no polígono industrial de Bértoa, en pleno proceso de ampliación. No que respecta ao modelo de funcionamento do CPEC, estará artellado, segundo explica Guillín, en torno a catro piares: concienciar, capacitar, coordinar e construír.

"Concienciar para creación dunha nova cultura empresarial, na que se impliquen tanto o sector público como o privado", ademais de para reforzar na formación e na concienciación do propio empresariado, respecto da súa situación e respecto da zona na que están asentados. "Capacitar", para que os empresarios conten "coa cualificación profesional necesaria para o desempeño eficaz e eficiente do seu traballo e para afrontar programas de mellora competitiva". "Coordinar", segundo Guillín, para que, nunha zona caracterizada pola desestruturación dos seus principais sectores empresariais "a cooperación sexa unha das ferramentas máis efectivas cara a mellora competitiva". E por último, "construír un entorno propicio para o crecemento socioeconómico" coa creación dun mercado de traballo o suficientemente amplo e estable como para atraer e fixar poboación e xerar maiores oportunidades de negocio.

Hai que lembrar que hoxe -xoves 21 de maio- continúa o programa das Xornadas Carballo Emprende. Onte, despois da presentación do CPEC, principiouse cunha conferencia sobre as 'Liñas de financiamento de apoio a empresas', impartida por un técnico de Afigal. Hoxe é o momento de debater. Coa colaboración da publicación 'Empresa y finanzas' e coa presenza de numerosos expertos, as xornadas abordan 'Solucións prácticas contra a crise'. Ás 21.00 horas será a clausura deste foro sobre empresas e emprendeduría e a entrega dos II Premios Carballo Emprende.

Compartir: