Inicio Carballo ao día Hemeroteca Principian os traballos para urbanizar e dotar de...

FONDO ESTATAL DE INVESTIMENTO LOCAL

Principian os traballos para urbanizar e dotar de servizos a rúa Muíño da capital municipal

Luns 18 de maio do 2009

A urbanización e dotación de servizos na rúa Muíño afecta a 282 metros lineais de vía. Seguindo a planificación de cortar por tramos, os seguintes treitos polos que non se poderá circular son, neste orde, o situado entre a Ponte da Pedra e a rúa Alfredo Brañas e, xa como remate, o propio cruce coas rúas Emilio Pardo Bazán e Ponte da Pedra. Este cruce deixouse para o último debido ao importante volume de tráfico deste nó viario na capital municipal. Nestes momentos tanto a Concellaría de Obras, que dirixe Luís Lamas, como a de Tráfico, que dirixe Benedito Viña, informan de que están colocados os correspondentes paneis explicativos para indicar os desvíos alternativos que se poden empregar.

No que respecta aos obxectivos deste proxecto, destaca a intención de facer máis segura e racional a circulación peonil, así como mellorar a estética das beirarrúas e reordenar o tráfico rodado. Así mesmo, está previsto renovar as estruturas que se atopan en mal estado, como as redes de telefonía, electricidade, alumeado, semaforización e gas ou as redes de augas fecais e pluviais, así como de auga potable. A actuación inclúe a pavimentación dos viais con aglomerado asfáltico, a renovación da sinalización horizontal e vertical, a colocación de paneis informativos e a incorporación de mobiliario urbano de calidade.

O Concello espera poder mellorar neste ámbito a comunicación para persoas con mobilidade reducida, reordenar a distribución da rúa, mellorar o alumeado urbano e, en definitiva, ofrecer un mellor servizo aos veciños e veciñas. Dende o goberno local piden desculpas anticipadas polas posibles molestias ocasionais que podan chegar a producirse durante os meses que duren os traballos.

Compartir: