Inicio Carballo ao día Hemeroteca As xornadas Carballo Emprende céntranse no...

OS DÍAS 20 E 21 DE MAIO

As xornadas Carballo Emprende céntranse no apoio ás empresas nun escenario de crise económica

Venres 15 de maio do 2009

As xornadas Carballo Emprende principian o mércores 20 de maio precisamente coa inauguración das novas instalacións do Centro de Promoción, que contan con oito despachos e unha sala de reunións, e que contará coa colaboración, para ofrecer os seus servizos, da Antena Local da Cámara de Comercio en Carballo, ademais de acoller o traballo do Técnico de Emprego local. Posteriormente, haberá unha conferencia sobre as liñas de financiamento para o apoio a empresas. Precisamente, ao estar este ano as xornadas máis centradas no apoio a negocios xa en marcha, a cita é pola tarde, a partires das 19.30 horas.

O xoves 21, o programa das xornadas céntrase nun debate en colaboración coa publicación 'Empresa y finanzas' no que o principal tema son as 'Solucións prácticas fronte á crise'. A partir das 19.30 horas numerosos expertos falarán de aspectos da situación económica como a comunicación, os directivos, o desenvolvemento de novas liñas de negocio ou a planificación estratéxica. Como peche, ás 21.00 horas entregaranse os II Premios a Ideas Empresariais Carballo Emprende, que pretenden promover a cultura emprendedora e impulsar a aparición de novas actividades económicas.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliña a necesidade de poñer en marcha un Centro de Promoción Económica que poida centralizar a actividade empresarial e tamén axudar no desenvolvemento do polígono industrial de Bértoa, nestes momentos en pleno proceso de ampliación. "Nunha conxuntura económica dunha profundidade que non se viu en décadas, o que queremos é contribuír a superar esta crise o antes posible", sinala o Alcalde, que desexou que as xornadas sirvan, ademais, para "que aparezan oportunidades de negocio".

Compartir: