Inicio Carballo ao día Hemeroteca O teatro, a lembranza de Alfredo Brañas e...

CULTURA

O teatro, a lembranza de Alfredo Brañas e o maratón de lectura centran o Programa das Letras

Venres 15 de maio do 2009

O acto iníciase ás 10.30 horas coa Banda Municipal de Gaitas, e a continuación comeza a quenda de lecturas por parte dos representantes dos distintos grupos políticos municipais. A continuación será a quenda de todas aquelas institucións e veciños que desexen participar coa lectura, dun fragmento literario de calquera dos corenta e cinco autores aos que foi dedicado o Día das Letras e que seleccionará o propio lector. A actividade rematará ás 15.00 horas. Nesta xornada tamén estará presente a música co tradicional Concerto das Letras da Banda de Música de Carballo, no Pazo da Cultura ás 20.00 horas, baixo a dirección de Vicente Pérez Planells.

Pero as actividades para conmemorar as letras galegas principian o venres 15, con actividades para cativos e cativas. Así, ás 18.00 horas e na Ludoteca Municipal, a compañía Argallando realizará un contacontos para os máis cativos que leva por título 'Os sosoños'. Pola noite ás 21.00 horas poñerase en escena no Pazo da Cultura o espectáculo teatral 'Bailadela da morte ditosa' (na imaxe), unha producción da compañía Teatro de Ningures escrita polo finado, e un dos mellores dramaturgos galegos contemporáneos, Roberto Vidal Bolaño. A trama da obra xira entorno a seis diferentes formas de enfrontarse á 'ditosa' (a morte). Distintas perspectivas que se tratan sen estridencias, con grande naturalidade, moi en sintonía coa nosa cultura e desde o punto de vista do noso imaxinario.

Por último, convén lembrar a homenaxe que o Concello de Carballo rende a Alfredo Brañas no Panteón de Galegos Ilustres de Santiago de Compostela con motivo do 150 aniversario do seu nacemento. Neste acto institucional e aberto a todo o público que queira sumarse, participarán numerosas institucións, entre as que están a Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia. Con motivo da celebración deste acto o Concello editará un díptico conmemorativo con información sobre Alfredo Brañas e fará unha edición do poema 'Véspera de San Xoán'. Para máis información sobre a homenaxe a Alfredo Brañas, premer aquí.

Compartir: