Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo homenaxea en Santiago a Alfredo...

O CONCELLO INVITA AOS VECIÑOS A ACUDIR

Carballo homenaxea en Santiago a Alfredo Brañas no 150 aniversario do seu nacemento

Mércores 13 de maio do 2009

Durante o acto tamén está previsto realizar unha ofrenda floral común e haberá unha actuación musical de Miro Casabella e da Banda de Gaitas Municipal como peche da homenaxe, que está previsto que dure pouco menos dunha hora. Os interesados e interesadas en anotarse na actividade e poder acudir en autobús, poden contactar co Concello, ben persoalmente, chamando ao 981 704 700 ou no correo electrónico <franalcaldia@carballo.org>. Con motivo do aniversario de Alfredo Brañas, o Concello, a través da Concellaría de Cultura, tamén ten prevista a difusión dun díptico sobre a figura de Alfredo Brañas, realizado polo historiador Xan Fraga, ademais de editar o poema de Brañas 'A víspera do San Xoán' e repartir obras do autor carballés.

Hai que lembrar que Alfredo Brañas naceu en 1859 na primeira planta dun dos edificios máis céntricos do casco urbano carballés, onde na actualidade está o bar 'O Mexillón', na rúa Coruña, e onde tamén está situada unha escultura de homenaxe ao escritor e ideólogo do rexionalismo. Ademais do acto do 16 de maio, no segundo semestre deste ano o Concello ten previsto organizar unhas xornadas específicas dedicadas á figura do carballés máis ilustre. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliña a necesidade de "que se divulgue a súa obra contundente e ás veces controvertida", xa que "merece ser coñecida". Os interesados e interesadas en coñecer o programa do acto polo miúdo, poden consultalo na marxe superior dereita desta nova.

Compartir: