Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os acontecementos máis importantes da...

PROGRAMA DAS LETRAS

Os acontecementos máis importantes da Autonomía Galega, no Pazo da Cultura a través das caricaturas de Siro López

Martes 12 de maio do 2009

A inauguración contou coa presenza do propio Siro, que ofrece nesta selección a súa particular visión, en clave de sátira intelixente, do acontecer de Galicia nos últimos 25 anos. A mostra é unha oportunidade para achegarse á historia máis recente, e unha oportunidade para volver a sorrir lembrando esta etapa baixo a interpretación do caricaturista. Precisamente Siro define a figura do humorista gráfico como "bufóns do noso tempo que poden falar con toda liberdade a condición de que fagan rir". Siro López subliñou que ás veces "un debuxo dalguén di máis que un retrato convencional" e quixo tamén resaltar que facía "o que me gustaba facer nun escaparate magnífico".

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo agradecer o labor de Siro e da Deputación na elaboración desta exposición, destacando o labor de Siro que facía que "ás veces as propias caricaturas xa eran máis definitorias que a propia noticia" e que creou "unha visualización de cómo a sociedade percibía a política". A inauguración contou támén coa presenza da Deputada provincial de Cultura, Caridad Fernández Cerviño, e da Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro. A mostra conta así mesmo cun catálogo que, ademais das caricaturas de Siro inclúe a colaboración de destacados persoeiros da vida política, xornalística, cultural e académica galega. A exposición viaxará tamén por outros puntos da Costa da Morte, xa que estará en Camariñas do 24 de xullo ao 23 de agosto.

Compartir: