Inicio Carballo ao día Hemeroteca Homenaxes, contacontos, exposicións,...

17 DE MAIO

Homenaxes, contacontos, exposicións, teatro, concertos e animación á lectura centran o Programa das Letras

Xoves 7 de maio do 2009

Entre as principais ofertas do programa destaca o xa tradicional Maratón de Lectura, este ano baixo o epígrafe 'As letras en voces' e acurtando un pouco a súa duración de 10.30 a 15.00 horas. Cada veciño pode ler un fragmento dun escrito dun dos 45 autores homenaxeados no Día das Letras. A Ludoteca pon en marcha para os máis cativos e cativas o programa 'Letras vivas' con dúas sesións de contacontos. E os CEIP Bergantiños e o IES Parga Pondal colaboran na IV Semana do Libro e a Lectura, con exposicións, obradoiros e multitude de actividades para a promoción da lectura entre os nenos e nenas.

Outro dos núcleos importantes no Programa das Letras 09 é a conmemoración do 150 aniversario do nacemento de Alfredo Brañas na capital carballesa. O Concello ten organizado un acto no Panteón de Galegos Ilustres en Santiago o día 16 de maio. Será a partires das 12.00 horas, e ademais de contar coa actuación musical da Banda Municipal de Gaitas e de Miro Casabella, o acto contará coa presenza de representantes do Concello de Cambados, do de Santiago, da Real Academia Galega, a AELG, da Fundación Alfredo Brañas e da Consellería de Cultura. Quen queira participar pode poñerse en contacto con Concello, que porá un autobús para os interesados.

Por último, o Pazo da Cultura acolle dúas exposicións. O martes 12 de maio inaugúrase 'A autonomía galega nas caricaturas de Siro', na que se recollen 25 anos de historia política en Galicia a través dos ollos deste humorista gráfico. A segunda inaugurouse hoxe e recolle unha selección das obras presentadas na 'Bienal de Pintura do Eixo Atlántico. Trátase dunha mostra que percorrerá 12 cidades do Eixo (incluíndo Carballo) e que pode visitarse na baixocuberta do Pazo da Cultura ata o 29 de maio. O Día das Letras supón un completo programa para que "a xente siga participando e siga usando e desfrutando dun idioma que foi o noso patrimonio durante séculos", en verbas do Alcalde.

Compartir: