Inicio Carballo ao día Hemeroteca A compañía galega Entremáns...

CONCELLARÍA DE CULTURA

A compañía galega Entremáns e o ballet de Carmen Roche centran o programa da fin de semana de Primavera EnDanza

Venres 24 de abril do 2009

Hoxe venres a partir das 21:00 horas, os bailaríns de Entremáns executan a música a partir do movemento creando á vez un espazo sonoro particular. Neste proceso de fusión contaron coa colaboración especial de Mercedes Peón. Desde o seu nacemento, no ano 2005, esta compañía coruñesa integrada por cubanos e galegos, recibiu diversos premios recoñecendo o traballo das súas coreografías e bailaríns.

"Concerto Desconcerto" caracterízase por unha dirección artística colectiva na que prima o discurso persoal e a experiencia de cada intérprete. O espectáculo, que conta coa colaboración de AGADIC e a Rede Galega de Teatros e Auditorios, dura 80 minutos e a entrada custa 3,5 euros (2,5 euros con desconto).

O domingo 26, Carmen Roche realiza unha aposta máis familiar e "con sabor a musical". A coreografía de Tony Fabre, coreógrafo da Compañía Nacional de Danza, conxuga o ballet clásico e o neoclásico, o contemporáneo, o hip-hop ou breakdance, para o que conta coa colaboración de especialistas en cada estilo. Ademais participan catro bailaríns do programa de televisión 'Fama, ¡A bailar!'. A dirección da prestixiosa coreógrafa Carmen Roche e de Víctor Ullate Roche -coñecido por ser o director da escola do programa 'Fama'- converten o conto nunha obra lúdica, chea de enerxía e de calidade artística. A cita é a partires das 18.30 horas. O especáculo dura 70 minutos e custa 6 euros (4 con prezo reducido).

Os bonos para asistir aos cinco espectáculos de Primavera enDanza poden adquirirse nas oficinas da concellaría de Cultura de 11h a 14h. Os prezos son de 13€ para o bono ordinario e de 8€ o bono especial con prezo reducido, destinado a colectivos especiais (estudantes con carnet de estudante, maiores de 65 anos e menores de 12 anos). As entradas poden reservarse, ben no teléfono 981 704 300, ben na Concellería de Cultura (Pazo da Cultura). Tamén se poden adquirir o mesmo día da función dúas horas antes na taquilla do auditorio.

Compartir: