Inicio Carballo ao día Hemeroteca Xabier Díaz e os títeres de...

O VENRES 3 E O DOMINGO 5 DE ABRIL

Xabier Díaz e os títeres de Trompicallo centran o programa dos Venres Culturais

Venres 3 de abril do 2009

Xabier Díaz presenta o seu segundo disco, 'Coplas para Icia, no que remexe na terra, saca a música de aldea, coma el a sinte, co seu aquel atlántico, con esa voz que bate ou aloumiña coma o mar, mesturada con ondas de jazz, percusións e acordeóns. Ten como compañeiros de viaxe a Pedro Lamas (saxo e gaita) e Suso Iglesias (acordeón). Este cantautor compaxina o seu labor de músico e compositor coa investigación e a compilación de folclore. Ten colaborado con formacións como Berrogüetto, Lúar na Lubre, Amancio Praza, Uxía, e é o cantante de Nova Galega de Danza. A entrada para o espectáculo, que dura 75 minutos, é de 3 euros, de 2 euros con desconto.

O domingo chega unha aposta para os máis cativos e cativas. Trompicallo contan a historia de 'Bolboreta', na que un Rei vese despoxado da súa coroa e é atrapado por un monstro que o quere comer. Lonxe de renderse, o Rei ofrécelle ao monstro un bocado máis apetecible: unha nena. Trompicallo comezou o seu traballo en 1996 co propósito de crear unha nova referencia dentro da linguaxe teatral, participando en numerosos festivais nacionais e internacionais. A entrada para a función, de 50 minutos de duración, é de 2,5 euros, de 2 euros con desconto.

Compartir: