Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello insta aos veciños e...

MEDIO AMBIENTE

O Concello insta aos veciños e veciñas a cumprir coa normativa que impide que os cans anden ceibes no Paseo do Anllóns

Xoves 2 de abril do 2009

Esta medida vén de adoptarse despois de que algúns veciños e veciñas usuarios habituais do paseo, especialmente no treito situado entre A Milagrosa e a ponte de Bértoa, teñan observado que as mascotas camiñaban ceibes, sen ningún tipo de correa. Hai que lembrar, así mesmo, que a ordenanza estipula que o uso dun bozal homologado tamén pode ser aconsellado pola autoridade municipal, especialmente no caso de cans potencialmente perigosos, para os que tamén será obrigatorio o uso de correa e cadea de menos de dous metros de lonxitude. Así mesmo, este tipo de cans non poden ser conducidos por menores de 16 anos.

A Ordenanza que regula a protección e tenencia de animais ten en conta tanto as molestias e perigos que poidan ocasionar os animais como o valor da súa compañía para un elevado número de persoas, tal como é o caso da axuda que poidan prestar polo seu adestramento e dedicación, como cans lazarillos, os seus traballos de salvamento e todos os demais nos que os animais domésticos proporcionan aos humanos satisfaccións deportivas ou de recreo. O obxectivo do regulamento é acadar a convivencia de veciños e veciñas e as mascotas, polo que a Concellaría de Medio Ambiente roga o cumprimento da normativa, que pode consultarse na parte superior dereita nesta mesma nova.

Compartir: