Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Centro de Saúde xa conta cun servizo de...

SANIDADE

O Centro de Saúde xa conta cun servizo de detección precoz de cegueira para diabéticos

Mércores 1 de abril do 2009

Grazas á retinografía dixital, conséguese unha diminución dos tempos de espera e das derivacións innecesarias dos usuarios, así como un soporte dixital almacenado en bases de datos para as súas revalorizacións en situ e unha coordinación entre a Atención Primaria e Especializada máis fluída. Esta proba comeza a realizarse cada martes en quenda de mañá, se ben Atención Primaria prevé ampliar progresivamente o horario e desenvolver esta prestación todos os días da semana. O deseño da xestión das retinografías contempla, en primeiro lugar, a solicitude da proba por parte do médico de familia. Seguidamente, cítase ao paciente na axenda da Unidade de Retinografía do centro de saúde onde ten a súa asistencia.

O día sinalado, o persoal de enfermaría realiza a proba. A imaxe remítese ao médico de familia, que verá un arquivo ao seu nome onde terá unha retinografía cos datos identificativos do paciente. Unha vez recibida e valorada a imaxe, o médico poderá decidir considerala normal e arquivala, ou remitila ao oftalmólogo, que tamén realizará unha valoración desta imaxe a través da telemedicina, e achegará un informe ao médico de familia. En caso de que proceda realizar un seguimento dende o ámbito hospitalario, remitirase ao paciente ao Servizo de Oftalmoloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Compartir: