Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda a aprobación inicial da...

SESIÓN ORDINARIA DA CORPORACIÓN

O pleno aborda a aprobación inicial da Relación de Postos de Traballo do Concello

Venres 27 de marzo do 2009

Precisamente, a corporación abordará moitos asuntos de carácter económico. Así, debatirase un recoñecemento extraxudicial de crédito de 349.494 euros, que supón un 1,3 por cento do global do orzamento municipal. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliña que esta cifra é a menor dos últimos oito anos, e que reflicte "a saúde económica excelente" do Concello. A orde do día inclúe, así mesmo, un crédito extraordinario para a posta en marcha do comedor sobre rodas e o inicio do expediente para concertar unha operación de crédito incluída no orzamento de 2009. Este empréstito ascende a 2,5 millóns euros e con esta cantidade está previsto financiar proxectos como o mercado municipal, o Forum Carballo, dúas galescolas ou o abastecemento de auga a Baldaio, entre outros.

O pleno tamén aborda a constitución dun Rexistro Municipal de Soares, no que figurarán todo tipo de soares, independentemente da súa titularidade. Este rexistro é obrigatorio para poder realizar o alleamento de terreos municipais. Así mesmo, abordarase a aprobación do Plan de travesías 2008-2011 da Deputación, no que se inclúe un proxecto por 51.978 euros para completar a dotación de beirarrúas en Requeixo-Bértoa, e para o que o Concello xa ten a dispoñibilidade dos terreos. Así mesmo, a orde do día inclúe unha modificación puntual do PXOM que afecta ao entorno da estrada de Razo e que responde a unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Por último, o pleno inclúe a renuncia da Concelleira do BNG, Lourdes Rey Fau.

Compartir: