Inicio Carballo ao día Hemeroteca Principian os traballos para dotar de aglomerado...

POLÍGONO NÚMERO 26

Principian os traballos para dotar de aglomerado a urbanización do entorno da rúa Perú e Rego da Balsa

Xoves 26 de marzo do 2009

Os traballos para urbanizar o polígono 26 principiaron o ano pasado e foron adxudicados a unha UTE (Unión Temporal de Empresas) formada polas firmas Elsan-Pacsa e Irena, cun orzamento de 742.000 euros. No ámbito deste extenso polígono urbano, situado en pleno centro carballés, inclúense 9.300 metros cadrados destinados a zonas verdes. Neste espazo o goberno local espera poder construír un parque infantil, así como dous campos de chave semicubertos grazas a un convenio asinado coa Xunta por un importe de 57.000 euros. O espazo tamén reserva 962 metros cadrados para equipamentos.

Os traballos neste entorno permitirán ampliar o ancho da rúa Perú ata os 18 metros, recollendo a medida que consta no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Así mesmo, grazas ás obras, esta rúa conta cunha conexión coa rúa Bos Aires. Tamén está previsto que a zona urbanizada teña continuidade cara a travesía principal da Vázquez de Parga a través dunha rúa peatonal que poderá abrirse cando se desenvolva o polígono 25, situado nos terreos da antiga estación de autobuses. No que respecta ao aproveitamento das vivendas, a superficie do polígono 26 distribúese en 21 parcelas edificables xa asignadas aos propietarios. Os bloques de vivendas terán baixo e catro plantas.

Compartir: