Inicio Carballo ao día Hemeroteca A comitiva fúnebre do Enterro da...

CULTURA

A comitiva fúnebre do Enterro da Sardiña pecha as actividades do Antroido 2009

Martes 24 de febreiro do 2009

Co obxectivo de fomentar a participación de grupos e comparsas no Enterro da Sardiña, o Concello de Carballo establece 10 subvencións, de 50 euros cada unha, á que poderán concorrer todos aqueles grupos de cativos e cativas ou de adultos compostos por un mínimo de 4 persoas ataviadas coas roupas e obxectos propios dunha 'comitiva fúnebre' para acompañar á sardiña na súa última viaxe. Para poder ter opción a unha das 10 subvencións (que se outorgarán por rigoroso orde de inscrición) quen aínda non se teñan inscrito poden facelo o 24 de febreiro (o mesmo día do Enterro antes do inicio da actividade) de 20.00 a 21.00 horas na Casa do Concello.

Tódolos grupos inscritos deberán estar presentes ás 20.45 horas na Praza do Concello para confirmar a súa participación. No caso de que algún dos dez primeiros grupos inscritos non participase, a subvención correspondente a este outorgaráselle ao seguinte grupo. O pago da subvención realizarase ao remate da actividade na Casa do Concello. Finaliza así un Antroido que repartiu máis de 6.000 euros en premios no Concurso de Disfraces, Comparsas e Carrozas (na imaxe) celebrado o domingo 22 e que xa se prepara para o ano que vén.

Compartir: