Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os disfraces e comparsas, o enterro da...

CULTURA

Os disfraces e comparsas, o enterro da sardiña, os nenos e a animación de rúa, protagonistas do Antroido 2009

Venres 13 de febreiro do 2009

O venres 20 de febreiro principia o programa co espectáculo 'Lume' de Troula Animación. A Praza do Concello e a rúa da Estrela serán o escenario para a música, o baile, os trasnos e a pirotecnia. O sábado 21 aparece unha das novidades do programa, a celebración dun baile infantil de disfraces nunha carpa situada na Praza do Concello con animación da Charanga Os Chinchorros. O domingo 22 é o Concurso e desfile de disfraces, comparsas e carrozas, presentado por As Vingadoras. Repartiranse un total de 6.000 euros en premios, coa creación dun novo galardón de 300 euros para a segunda mellor carroza.

O martes 24 é o peche do programa co Enterro da Sardiña, que terá a colaboración especial do grupo de teatro Vagalume. O Concello ofrece unha subvención de 50 euros aos 10 primeiros grupos de máis de catro persoas que aparezan na praza do Concello pouco antes do Enterro vestidos como unha comitiva fúnebre. Así mesmo, o martes o pavillón Bergantiños acolle, coa colaboración da Concellaría de Terceira Idade, un Baile de Disfraces para maiores coa música da orquestra 'Trovadores'.

Tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, queren animar aos veciños e veciñas a participar nas actividades e a que a xente desfrute do Antroido, especialmente nunha época de crise na que hai que tentar "darlle a volta a tódalas situacións", en verbas de Ferrero. Os interesados e interesadas poden ver o programa polo miúdo descargando o pdf que está na parte superior dereita desta nova. Quen queira consultar as bases do Concurso de disfraces e do Enterro da Sardiña, poden premer aquí.

Compartir: