Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Himno e a Banda Municipal, protagonistas no...

CULTURA

O Himno e a Banda Municipal, protagonistas no peche do 'Novembro con música 08'

Venres 5 de decembro do 2008

'O Himno. Os tempos son chegados' é una exposición composta por diferentes paneis interpretativos nos que se realiza un percorrido por cada unha das estrofas e versos do himno galego, visto como "un signo de identidade" que indica que "temos que estar orgullosos do que temos", segundo explicaba na súa inauguración o seu comisario, Miguel Anxo Seixas. Os paneis falan de historia, de xeografía, de música, "dos símbolos que nos representan a todos", segundo subliña Seixas.

O Secretario Xeral de Relacións Institucionais, Xoán Antón Pérez Lema, tamén presente na inauguración, resalta a vontade didáctica da exposición, válida para nenos e adultos, coa única arela de "poñer en valor o Himno" a través da "valorización das raíces", "da forza do mito" e de ser capaces "de mirar cara o futuro". Á súa vez o Alcalde, Evencio Ferrero, lembrou que a exposición partiu hai un ano de Ponteceso, terra do compositor do Himno, para pechar agora un ciclo na capital da súa comarca, aínda que desexou que esta composición de Eduardo Pondal e Pascual Veiga "nos siga identificando como galegos e galegas dentro de moitos séculos".

A interpretación do Himno por parte de tres membros da Banda Municipal de Gaitas, marcou a fin da inauguración. O venres 5 de decembro, ás 21.00 horas no Pazo da Cultura, os seus compañeiros da Banda de Música pechan á súa vez o mes de Santa Cecilia.

Compartir: