Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello acolleu a presentación do Plan...

DEPUTACIÓN PROVINCIAL

O Concello acolleu a presentación do Plan Estratéxico da Provincia da Coruña

Venres 28 de outubro do 2005

O Plan Estratéxico da Provincia da Coruña nace cos obxectivos de ofrecer un diagnóstico rigoroso do potencial de desenvolvemento da provincia, así como dos seus puntos críticos, o de proporcionar un marco de actuación estábel que mellore a eficacia e coordinación das iniciativas públicas e privadas, o de deseñar unha estratexia que fortaleza a capacidade competitiva dos sectores clave, fomentar o desenvolvemento tecnolóxico e a formación, ademáis de favorecer a integración territorial e promover o espírito emprendedor e atraer investimentos.

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, aludiu no acto de presentación á "necesidade de que as corporacións locais aposten polo papel integrador, como ven facendo o Concello de Carballo. A Costa da Morte é un espacio moi necesitado de infraestructuras, equipamentos e planeamentos estratéxicos e é necesario seguir dando pasos no camiño da integración, para que a Costa da Morte deixe de ser a periferia da periferia". O vicepresidente da Deputación Provincial, Xaime Bello, definiu o Plan Estratéxico como "unha ferramenta básica para avanzar nas necesidades de infraestructuras e equipamentos que teñen todos os concellos da provincia".

O Plan Estratéxico está a dar os seus primeiros pasos coa realización dunha diagnose por territorios. As conclusións, previstas para finais de ano, analizaranse de forma conxunta polos participantes na elaboración do Plan, ademáis de Concellos e sectores afectados. O presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda, fixo mención ó Plan como "un conxunto de accións progrmadas para conquerir un obcextivo a prazo fixo, que serve fundamentalmente para crear futuro a partir do presente". O Plan Estratéxico terá un horizonte temporal ata o ano 2013. Unha data que non é fruto da casualidade. Según Fernández Moreda "nese ano finalizará a aportación dos fondos europeos e debemos saber qué proxectos son necesarios e quén os pode acometer".

Ademáis do presidente e vicepresidente da Deputación de A Coruña, e o alcalde de Carballo, participaron da presentación de Plan Estratéxico o director de División de organismo de Caixa Galicia, Andrés Cuns, e o tamén director do Plan Estratéxico da Provincia de A Coruña. Alberto Meixide. Tamén acudiron ó acto varios alcaldes da comarca.

Compartir: