Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Goberno local reorganiza os sentidos da...

OBRAS

O Goberno local reorganiza os sentidos da circulación da rúa Carballo Calero trala súa apertura ao tráfico

Venres 4 de xullo do 2008

A partir de agora a rúa Carballo Calero será de dobre circulación en todo o seu trazado dende a súa confluencia coa rúa Eduardo Pondal ata a súa nova saída na Carré Aldao, de tal forma que o acceso á zona Bergantiños será posible dende esta última rúa -que tamén será de dobre sentido-, dende a Álvaro Cunqueiro e dende a Ramón Cabanillas. Nestas últimas rúas non haberá cambios na organización do tráfico rodado.

Os operarios, ademais de pintar a nova sinalización horizontal para a vía, tamén están facendo unha reorganización das prazas de aparcamento. Así, para aforrar espazo, as prazas en batería pasarán de estar en posición perpendicular ás beirarrúas a estar en oblicuo, co obxectivo de aumentar o ancho da vía para que poida acoller os dous carrís. O tipo de aparcamento será en batería en toda a rúa excepto no tramo situado diante do pavillón polideportivo, en que será en liña. Ademais, nos novos espazos está previsto crear beirarrúas provisionais de cemento para facilitar o paso dos peóns.

Hai que lembrar que os traballos de ‘Prolongación da rúa Carballo Calero’ comezaron o pasado 9 de xullo, e contaron cun orzamento de 24.600 euros. As obras foron adxudicadas á empresa Dámaso Ferreiro e Hijos. Con este proxecto, o Goberno espera dar saída ao entorno da zona escolar Bergantiños -no que se sitúa unha das dúas piscinas cubertas municipais e un dos tres pavillóns polideportivos do Concello-, e facilitar a circulación de vehículos, xa que é unha área cunha elevada intensidade de tráfico. Ademais, trátase dun barrio cun elevado número de vivendas e que ten medrado moito nos últimos anos.

Compartir: