Inicio Carballo ao día Hemeroteca ‘En vacacións móvete’ propón...

CARBALLO SAUDABLE

‘En vacacións móvete’ propón actividades de lecer e aventura relacionadas coa natureza para a mocidade carballesa

Mércores 23 de xullo do 2008

Así o explicaron o Concelleiro de Deporte e Xuventude, Marcos Trigo, e o coordinador do programa ‘Carballo Saudable’, Manuel Varela Bardanca, durante a presentación da oferta, que se reparte en tres bloques fundamentais de actividades. O primeiro deles denomínase ‘Xornadas Multiaventura e Deporte na natureza’, e divídese en dúas citas que se celebrarán os próximos 6 e 13 de agosto. Na primeira das xornadas os interesados poderán facer escalada, tirolina, piragüismo, paintball ou tiro con arco; o 13 de agosto, en cambio, os asistentes poderán facer rafting no río Ulla. O máximo de prazas ofertadas será de 50 para cada unha das saídas.

O segundo bloque céntrase en ‘Cursos de iniciación ao surf’ na praia de Razo, que terán lugar a finais de agosto e principios de setembro. A duración será de entre oito e dez horas na auga, máis actividade en seco. O máximo de prazas ofertadas é de 32, divididas en catro cursiños para oito rapaces, aínda que poderían ser susceptibles de ampliación. Por último, o terceiro bloque consiste na organización de escolas e torneos de Volei-Praia todas as tardes dos meses de xullo e agosto na praia de Razo. Según subliña Varela Bardanca "o obxectivo é que nas asistencias á praia se faga tamén actividade física e deportiva". Neste caso, pode participar xente de todas as idades, e na iniciativa participa a Asociación Deportiva de Volei-Praia da Costa da Morte.

Todas as actividades serán gratuítas e as inscricións deberán formalizarse no Rexistro de Entrada do Concello de Carballo ata o día da celebración da actividade. A única excepción é o caso do Volei-Praia, no que as inscricións faranse na propia praia de Razo cada día. O Concelleiro de Deportes, Marcos Trigo, quixo resaltar que as actividades en contacto coa natureza están pensadas "porque o seu arraigo soe ser alto", e xorden porque había un baleiro en oferta deportiva para os mozos e mozas de entre 14 e 18 anos. Trigo anima aos rapaces e rapazas a que participen no programa.

Compartir: