Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os talentos das artistas galegas Cristina Pato e...

VERÁN CULTURAL

Os talentos das artistas galegas Cristina Pato e Rosa Cedrón únense no espectáculo ‘Soas’

Mércores 23 de xullo do 2008

A voz de Rosa Cedrón, quen deixou o grupo Luar na Lubre para plasmar as súas propias inquedanzas e publicar o seu disco ‘Entre dous mares’, únese agora co alter ego pianístico de Cristina Pato, quen deixou momentaneamente a gaita desde que en 2006 lanzara o seu primeiro disco como pianista coa mezzo canadiana Patrice Jegou. ‘Soas’ é unha xira conxunta na que as dúas divas da música galega fan un repaso por temas propios e alleos, e no que a introspección e a intimidade fan as delicias dos melómanos.

De feito, tanto Cedrón como Pato encetaron a súa actividade musical no eido da música clásica e ese nexo común e as ganas de traballar xuntas son o xermolo para esta sorprendente proposta musical. A ourensá só tocará o piano e a monfortina aparecerá en escena co violonchelo e tamén aportará a súa voz nalgún tema. O espectáculo camiñará entre as sonoridades da música clásica e as propias do folk, optando por un camiño intermedio no que atopar elementos comúns.

A actuación é unha das apostas máis salientables incluída no programa do Verán Cultural 2008 do Concello de Carballo, que esta fin de semana tamén conta coa presenza do III Festival Sereas e Piratas que se celebra na praia de Razo.

Compartir: