Inicio Carballo ao día Hemeroteca Unha selección dos mellores clubs...

FESTA DO FÚTBOL BASE

Unha selección dos mellores clubs peninsulares disputarán en Carballo o IV Torneo Internacional Alevín de Fútbol-7

Xoves 19 de xuño do 2008

O sistema de competición establece a división dos equipos en dous grupos. No ‘A’ quedaron encadrados o Real Madrid, o Atlético de Madrid, o Villarreal C.F., o Sporting de Gijón, o C.D. Calasanz e o E.P. Luis Calvo. No grupo ‘B’ destaca a presenza dos dous clubs máis destacados do balompé da comunidade (o R.C. Deportivo e o Celta), que medirán as súas forzas fronte ao Valencia C.F., o Sporting de Portugal e os tamén galegos C.D. Conxo e U.D. Santa Mariña.

Tras xogar todos contra todos na primeira fase, os catro primeiros clasificados de cada grupo accederán aos cuartos de final, rolda na que os campións de grupo quedarán emparellados cós respectivos cuartos clasificados e os segundos cós terceiros. Os vecedores disputarán as semifinais na procura da gran final, que se celebrará o domingo día 22 de xuño ás 12.45 horas. Para obter toda a información sobre os partidos e horarios, descargar o documento que se adxunta.

Na presentación desta festa do fútbol de base -no que participarán oito clubs de Primeira División- estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o Director das Escolas de Fútbol Luis Calvo Sanz, José Ramón Torres Pichel; Luciano Calvo, Presidente destas mesmas escolas e directivo de Conservas Calvo e o Concelleiro de Deportes, Marcos Trigo.

Esta edición está especialmente adicada ao falecido Manuel Calvo Pumpido, vicepresidente do Grupo Conservero Calvo e noutros tempos presidente do Sporting de Gijón -club que precisamente participa cos seus alevíns no torneo- e "persoa imprescindible para o deporte en Carballo", en verbas de José Ramón Torres Pichel. O nivel que presentan os equipos participantes evidencia que "o torneo está consolidado e é unha referencia", destacou Marcos Trigo, quen subliñou os esforzos que realiza o Departamento que dirixe para continuar a dar pasos firmes " na promoción e fomento do deporte de base".

Luciano Calvo, por último, quixo agradecer a colaboración dos patrocinadores e do Concello nesta iniciativa. Evencio Ferrero, pola súa banda, resaltou o "alto nivel competitivo" desta cita, que espera que sexa un espazo para a aparición de "novos valores para o fútbol peninsular". Por último, desexou que as Escolas Luis Calvo poidan levantar o trofeo.

Compartir: