Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo ofrece a sexta...

DANZA CONTEMPORÁNEA

O Concello de Carballo ofrece a sexta edición do programa ‘Primavera en Danza’

Venres 11 de abril do 2008

"Co paso dos anos, notamos que este programa de danza se vai consolidando entre os gustos do público. A idea é achegar á xente este tipo de espectáculos para que perda o medo a asistir aos mesmo e creo que pouco a pouco o estamos a conseguir", explica Belén Lendoiro.

A primeira actuación terá lugar o venres, día 18 abril, no auditorio do Pazo da Cultura, recinto que albergará todas as representacións. A compañía galega ‘Music Walk’ presentará o seu espectáculo ‘Four Walls (Encontrando a Cage)’ a partir das 21.00, horario que se repetirá en catro das cinco actuacións que inclúe o programa.

O sábado, 19 de abril, subirá a escea o grupo ‘Pisando Ovos’ coa súa obra ’30.000. Pero a derradeira fin de semana de abril concentrará o groso das actuacións. O venres, día 25 de abril, a compañía de claqué catalana ‘Trakatap’encherá o escenario de ritmo e enerxía.

Un día despois, o 26 de abril, corresponderalle o turno ao grupo ‘Daniel Abreu’ de Madrid, que levará a escena ‘Negro’, un traballo experimental e intimista. O ciclo de danza pecharase o domingo, día 27 de abril, coa actuación da compañía galega ‘Entremans’, que levará a Carballo a súa función ‘Que pasa aquí?’, deseñada para satisfacer a todos os públicos, tamén ao infantil.

Ao igual que en edicións anteriores deste programa, o Concello de Carballo organizará encontros entre os protagonistas dos espectáculos e o público asistente despois de cada representación. Neste sentido, as 20 primeiras persoas que se apunten para esta actividade antes de cada espectáculo recibirán entradas gratis.

Un ano máis, a Concellería de Cultura -no seu afán por divulgar e promocionar as artes escénicas e musicais- fixou precios populares que oscilan entre os 2 e os 5 euros (entradas ordinarias) para asistir a cada unha das función.

As persoas interesadas en coñecer máis detalles sobre as compañías de danza que actuarán este mes en Carballo e sobre os seus espectáculos, poden descargar o programa. No mesmo atoparán tamén información relativa aos prezos e á reserva de entradas.

Compartir: