Inicio Carballo ao día Hemeroteca O programa ‘Aprender para Educar’...

FORMACIÓN PARA OS PAIS E AS NAIS

O programa ‘Aprender para Educar’ reanúdase cun obradoiro sobre sexualidade

Martes 25 de marzo do 2008

‘Aprender para Educar’ é unha iniciativa conxunta da Concellería de Educación do Concello de Carballo -responsabilidade de Mar Eirís- e da Asociación Socio Pedagóxica Galega (AS-PG) que pretende dar apoio formativo aos proxenitores para axudalos na difícil tarefa de educar. A actual é a cuarta edición dun proxecto que está a ter unha grande acollida entre a cidadanía ao igual que nos anos precedentes.

A primeira fase do proxecto consistíu na recollida de información entre as asociacións de nais e de pais do municipio para enriquecer os contidos do mesmo. Tamén se organizaron xa diferentes charlas-coloquio e o vindeiro obradoiro sobre sexualidade servirá para ampliar e complementar a información que precisan as nais e os pais para poder ofrecerlles aos seus menores unha educación sexual óptima.

Esta xornada educativa terá unha duración total de 6 horas (2 cada un dos días lectivos) e será impartida por Luisa Abad Abad. E estará centrada en catro puntos: Reflexión sobre a sexualidade: erros comúns, Información máis frecuente á que acceden os e as adolescentes, ¿Cómo abordar estes temas cos nosos fillos e fillas?, e Educar na responsabilidade.

A concelleira de Educación, Mar Eirís, destaca que o programa "ten a vocación de dar apoio ás nais e aos pais contribuíndo así na tarefa educativa". Asemade, engade que o obradoiro sobre sexualidade aportará "información útil e práctica e axudará a resolver as dúbidas concretas que calquera persoa que asista ao mesmo poida plantexar".

Para facilitar a participación en todas as actividades do programa ‘Aprender para Educar’ (de asistencia libre sen necesidade de inscrición previa), o Concello de Carballo ofrece un servizo de canguraxe. Para reservalo é preciso chamar ao número 981 704 300.

Compartir: