Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Goberno Local convoca o 'IV Premio a...

NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Goberno Local convoca o 'IV Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores'

Martes 18 de marzo do 2008

O Concello de Carballo, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, convoca por cuarto ano consecutivo o 'Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores'. Este certame ten como principais obxectivos promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma e incentivar o emprego da nosa lingua na prensa escrita.

O artigos xornalísticos deben ser inéditos, de opinión e teñen que abordar o tema da defensa e a promoción da lingua galega. Neste sentido, os traballos poden incluir propostas ou análises sobre o proceso de normalización lingüística, reflexións sobre a lexislación e os dereitos lingüísticos, sobre accións de impulso ao uso social do galego...

Os artigos presentados deberán ter entre 2.500 e 3.500 caracteres, con espazos incluídos, e o prazo de admisión estará aberto ata o vindeiro 18 de abril. Os traballos deben remitirse ao Concello de Carballo. Para máis información, chamar ao número 981 704 304.

Outorgaranse dous premios económicos, un primeiro de 1.000 euros e un segundo de 350 euros. Ademais, os dous artigos gañadores serán publicados nos nove medios de comunicación escrita colaboradores do certame: 'A Nosa Terra', 'A Peneira', 'Diario de Bergantiños', 'Galicia Hoxe', 'La Opinión de A Coruña', 'La Voz de Galicia', 'O Acontecer', 'Tempos Novos' e 'Vieiros'.

Nas tres edicións anteriores resultaron premiados os seguintes autores e autoras: Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños e Séchu Sende.

As bases do 'IV Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores' pódense descargar clicando aquí.

Compartir: