Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo reedita a súa cita coa...

FESTA INTERCULTURAL

Carballo reedita a súa cita coa música e a solidariedade co festival 'Panxea 2008'

Xoves 13 de marzo do 2008

O evento foi presentado onte, día 12 de marzo, polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que estivo acompañado polos concelleiros de Promoción Económica, Igualdade e Deportes: Xosé Manuel García Guillín, Lourdes Rey e Marcos Trigo, respectivamente. Tamén asistiron á presentación representantes do Centro Comercial Bergantiños-Haley e do Fondo Galego de Solidariedade.

No festival volverá ter un peso especial a interculturalidade. No mesmo destacarán as citas coa música, a gastronomía sudamericana acompañada polo pan de Carballo e coa solidariedade. Neste sentido, a presente edición estará enfocada a América Latina.

'Panxea 2008' ofrecerá unha mistura musical que abranguerá diversos estilos coma o folk, o reggae, o rock ou os sons máis xenuinos de América Latina. Grupos coma Oskorri, Pablo Bicho, Manecas Costa ou Bonovo, entre outros, a bo seguro satisfarán ao diverso público que se achegue ata o festival.

Evencio Ferrero destacou durante a presentación que o Concello fixo coincidir esta festa coa Semana Santa co obxectivo de atraer ao maior número de visitantes posible á Costa da Morte coincidindo con outras citas clave para a comarca coma a do encaixe de Camariñas.

Pola súa banda, Lourdes Rey fixo fincapé no carácter solidario da cita: "creo que é fundamental organizar actos que contribúan a fortalecer os vínculos entre os diferentes pobos". Xosé Manuel García Guillín aproveitou a súa intervención para explicar a esencia do festival Panxea.

"Ten a súa orixe na festa do pan de Carballo e é unha celebración multicultural na que se dan cita a música, a gastronomía, actividades de lecer e tamén unha feira. A idea da solidariedade tamén está moi presente porque o pan é o principal sustento para a maoría de pobos do mundo", aclarou o concelleiro de Promoción Económica.

As persoas interesadas en consultar polo miúdo todo o programa de Panxea 2008 poden facelo descargando o documento que se adxunta.

Compartir: