Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo aporta 36 deportistas á fase...

DEPORTE EN IDADE ESCOLAR

Carballo aporta 36 deportistas á fase final provincial da proba de campo a través

Venres 8 de febreiro do 2008

Os menores do municipio carballés que participarán na competición escolar de campo a través cursan os seus estudos no Ceip Fogar, no Centro Artai, no IES Parga Pondal e no IES Monte Neme. Está previsto que viaxen o domingo desde Carballo a Santiago ás 8.45 horas.

Ás 10.45 terá lugar a retirada de dorsais e ás 11.00 horas comeza a primeira das probas (700 metros benxamín feminino) dun total de oito. A última, 4.500 metros cadete masculino, está previsto que principie ás 13.00 horas.

Ademais das categorías e distancias xa mencionadas, a competición inclúe as seis seguintes: 700 metros benxamín masculino; 1.300 alevín feminino; 1800 alevín masculino; 2.300 infantil feminino; 3.000 infantil masculino e 3.000 metros cadete feminino.

A fase final provincial da proba de campo a través establece dúas clasificacións: individual e por equipos. Neste último caso, sumaranse os puntos obtidos polos catro corredores ou corredoras mellor clasificados/as.

Os dous mellores equipos e os seis primeiros menores que cheguen á meta nas categorías infantil e cadete, tanto masculina como feminina, obterán a clasificación para a disputa do Campionato Galego.

Compartir: