Inicio Carballo ao día Hemeroteca O director xeral de Xuventude, Rubén Cela,...

O OBRADOIRO 'ESCRIBE O TEU GUIÓN, SE O PROTAGONISTA DA TÚA HISTORIA, DESENVOLVERASE OS DÍAS 27 E 28 EN HORARIO DE 17.00 A 19.00

O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, presentou hoxe en Carballo o obradoiro de educación sexual

Xoves 27 de decembro do 2007

A inauguración do obradoiro de educación sexual terá lugar ás 17.00 horas de hoxe, día 27 de decembro. Durante os primeiros minutos da sesión, presentarase a rede de centros Quérote da Dirección Xeral de Xuventude. Este espazo está concebido para que as persoas poidan expresarse nel con liberdade e naturalidade. Tamén é o lugar idóneo onde atopar información e asesoramento sobre educación afectiva e sexual e onde poder comunicarse sin barreiras.

Este obradoiro está adicado a persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 25 anos e consta de dúas sesións de 120 minutos. A de hoxe desenvolverase baixo o epígrafe 'Sexualidade e afectividade'. Durante a mesma, os que asistan a estas xornadas formativas recibirán información sobre conceptos e termos vencellados á realidade que se abordará. Tamén se disertará sobre as posibilidades de comunicación que ofrece unha relación sexual e o rico mundo dos sentimentos e das emocións. Por último, haberá un apartado adicado ao coñecemento do propio corpo.

No segundo día, o 28 de decembro, traballarase sobre diversos contidos baixo o título 'O mundo da erótica e das relacións'. Entre outros, trataranse as múltiples posibilidades comunicativas que cada un de nos posuimos. Non so verbais senón tamén corporais, sensitivas... Asemade, falarase sobre a importancia de traballar valores e actitudes como o respeto ou a empatía. Tamén se insistirá na necesidade de deixar atrás falsos mitos instalados na nosa sociedade sobre a sexualidade.

Esta actividade pretende explorar a idoneidade deste tipo de oferta formativa separada do medio escolar. Por este motivo, vai dirixida a un público máis amplo e diverso e a xestión da mesma recae na Administración local. Según explicou hoxe Rubén Cela, este último aspecto permitirá indagar sobre distintas alternativas organizativas que -adiantou- darán lugar ao nacemento de novas liñas de traballo e cooperación entre a Dirección Xeral de Xuventude e os Concellos e Comarcas nos vindeiros meses cunha maior garantía de éxito.

Compartir: