Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo ultima un plan de...

AS ACTUACIÓNS PRETENDEN REDUCIR A ACCIDENTALIDADE, MELLORAR A FLUIDEZ DO TRÁFICO NO CASCO URBANO E A SEGURIDADE DOS PEÓNS

O Concello de Carballo ultima un plan de seguridade viaria no que investirá máis de 70.000 euros

Sábado 15 de decembro do 2007

A finalidade do plan será "reducir a accidentalidade dos vehículos, aumentar a seguridade dos peóns e mellorar a fluidez do tráfico", asegura Benedito Viña, quen anticipa que o Concello de Carballo -a través da concellería da que é responsable- adicará máis de 70.000 euros para poñer en marcha unha serie de medidas que agora están en fase de estudo "para poder determinar cales van ser máis efectivas e a prioridade das mesmas".

Unha das actuacións que se levarán a cabo será a mellora dos puntos máis conflitivos do tráfico na vila. Neste sentido, actuarase nas interseccións da avenida de Fisterra e da avenida da Milagrosa; na confluencia das rúas Nicaragua e Fábrica; no cruzamento das avenidas Ponte da Pedra e Malpica; da rúa Muíño e Perú e tamén na intersección entre as rúas Perú, Poñente, Ponte e Luis Calvo. Aínda que non están totalmente perfiladas as obras, estas combinarán a posible construción de rotondas coa colocación de semáforos e a mellora xeral da sinalización, tanto vertical coma horizontal. Tamén se contempla a posibilidade de cambiar sentidos de circulación nalgunha rúa coa finalidade de desconxestionar o tráfico a aumentar a seguridade viaria.

Asimesmo, procederase ao repintado de todas as vías do casco urbano, así coma dos 280 pasos de peóns, que se verán ampliados ata os 300. Por outra banda, a Concellería de Tráfico colocará tamén bandas sonoras naquelas vías que rexistran os maiores excesos de velocidade. Viña Costa aclara que se tentará que a ubicación das mesmas cumpla a súa función sin molestar aos veciños polo ruído que provocan os vehículos ao rebasalas.

O Concello de Carballo medita complementar todas estas medidas -a maioría das cales serán execuatadas durante o ano 2008 aínda que todas estarán listas no actual mandato- cunha campaña informativa de sensibilización cidadá. "Trátase de facer todos os esforzos posibles para buscar as mellores fórmulas que amplíen a seguridade tanto dos conductores coma dos peóns", conclúe o concelleiro de Tráfico, Benedito Viña.

Compartir: