Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de 900 de rapaces e rapazas...

"É UN GRAN ÉXITO REUNIR A TANTOS PARTICIPANTES PARA A PROBA", ASEGURA O CONCELLEIRO DE DEPORTES, MARCOS TRIGO

Máis de 900 de rapaces e rapazas participarán o venres na carreira de campo a través do Concello

Martes 11 de decembro do 2007

Algo máis de 900 rapaces e rapazas -con idades comprendidas entre os 8 e os 16 anos- participarán o venres día 14 de decembro na proba de campo a través do Concello de Carballo 2007, que foi presentada hoxe polo concelleiro de Deportes. Marcos Trigo destacou o "gran éxito" que supón reunir a tantos escolares arredor dun evento deportivo e desexou que en vindeiras edicións a afluencia de participantes "continúe subindo". Tamén subliñou que estes resultados derivan da "promoción do deporte escolar que se ven promovendo desde o Concello".

O 'pistoletazo' de saída para a carreira darase o venres ás 10.30 horas para os máis de 900 nenos e nenas que se inscribiron na proba e que participan no programa municipal de deporte en idade escolar. Todos eles loitarán por facerse con algún dos trofeos e medallas que distinguirán aos gañadores e gañadoras nas diferentes modalidades que contempla a competición. Estas son benxamín, alevín, infantil e cadete; tanto en categoría feminina coma masculina.

Os oito gañadores das diferentes competicións nas que se dividirá a proba, dependendo da idade e do sexo dos participantes, recibirán un trofeo e unha medalla que acredite o seu mérito. Tamén haberá medallas para os segundos e os terceiros clasificados en cada unha das categorías.

O concelleiro de Deportes de Carballo, Marcos Trigo Facal, destacou "o gran éxito que supón reunir a tantos participantes" na proba de campo a través. Tamén desexou que o número de menores afeccionados á práctica deportiva "siga a medrar porque a promoción do deporte en idade escolar é algo que se promove desde o Concello", subliñou. Neste sentido, amosouse confiado de que en posteriores edicións da carreira se poida ata incrementar o elevado número de participantes que tomarán parte na actual.

Todos os rapaces e rapazas que competirán o venres son naturais do municipio de Carballo agás 50, que proceden da Cabana. Está previsto que a probe comence ás 10.30 e rematará ás 13.30 horas, momento no que se pechará o rexistro de chegada a meta.

Compartir: