Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo disporá do seu propio banco de...

A XORNADA DE CREACIÓN, O 19 DE NOVEMBRO NO PAZO DA CULTURA

Carballo disporá do seu propio banco de tempo para o intercambio solidario de tarefas

Luns 12 de novembro do 2007

Un banco de tempo é unha rede de colaboración que consiste no intercambio de servizos ou actividades entre participantes, un intercambio que permite resolver problemas ou necesidades cotiás dun xeito cooperativo, solidario e autoorganizado. A xornada do 19 de novembro virá poñer en marcha este sistema no municipio de Carballo, coa idea de facilitar o día a día dos veciños, aumentar a súa calidade de vida e fomentar o contacto entre a cidadanía.

O proxecto está dirixido a maiores de idade e contempla un abano amplísimo de actividades intercambiables: levar nenos ao colexio, acompañar persoas maiores, pasear cans, coser, cociñar, ensinar idiomas, amañar avarías mecánicas ou eléctricas, realizar tarefas domésticas, manualidades, etc. Cada persoa participante pode ofertar e demandar unha actividade, sabendo que todas elas teñen o mesmo valor: débese investir nelas o mesmo número de horas. Non hai intercambio de diñeiro, senón un reparto equitativo do tempo de traballo.

O banco de tempo fai de intermediario entre as persoas que participan. É dicir, o receptor dun servizo deberá ao banco (non ao prestador) o tempo equivalente, podendo beneficiarse do mesmo calquera membro da rede. Este sistema fai máis doado conciliar a vida familiar, laboral e persoal, e serve para crear e fornecer os vínculos sociais entre a poboación fomentando a cooperación e a confianza.

Todas as persoas interesadas en participar na xornada deben confirmar a súa asistencia chamando ao teléfono 981 54 53 54 ou mediante correo electrónico ao enderezo xestión.actividades.sgi@xunta.es.

Compartir: