Inicio Carballo ao día Hemeroteca María Xosé Caride confima que a...

A CPTOPT INVISTE 340 MILLÓNS DE EUROS PARA MELLORAR A ACCESIBILIDADE NA COSTA DA MORTE

María Xosé Caride confima que a vía de alta capacidade será autovía desde o primeiro momento entre Carballo e Baio

Martes 6 de novembro do 2007

María José Caride salientou esta mañá en Carballo que a Consellería de Política Territorial está a facer ''unha aposta pola mellora da accesibilidade da Costa da Morte que engloba un conxunto de actuacións que suman máis de 340 millóns de euros, o investimento máis importante que fai a Xunta de Galicia para a mellora da accesibilidade a unha zona da súa xeografía''. Segundo a conselleira, estes proxectos son posibles grazas ao ''esforzo solidario de todos os galegos para que a Costa da Morte teña todas as infraestrutura que necesita e que os seus veciños poidan desenvolver os seus proxectos na súa terra''.

Pola súa banda, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo amosar a súa satisfacción porque a conselleira se desprazase ata a vila para explicar en primeira persoa o proceso dos diversos proxectos que están en marcha ''porque estamos a falar de infraestruturas que suporán un novo impulso e un cambio de tendencia na Costa da Morte e que dunha vez por todas esta zona empece a poñerse en primeiro plano''.Optan a concurso nove agrupacións de empresasA Mesa de Contratación da VAC da Costa da Morte xa abriu as plicas do concurso para a construción e explotación desta vía, á que optan nove agrupacións de empresas. Tal como xa prevía a CPTOPT, o volume de tráfico da zona xustifica a necesidade de construción dunha autovía dende o primeiro momento ata a localidade de Baio, e así se reflicte en todas as ofertas presentadas. Ademais, mantense o compromiso de que o corredor no treito entre Baio e Berdoias se desdobre en autovía no momento en que o volume de tráfico así o requira ou, en calquera caso, no horizonte temporal de 2018, tal como se especifica no prego de condicións.

Unha vez completados todos os trámites administrativos, Política Territorial prevé que as obras comecen a finais do vindeiro ano 2008.

Segundo os datos da propia CPTOPT o custe estimado de execución do corredor entre Carballo e Berdoias, que ten 42'4 quilómetros de lonxitude, é de 173'36 millóns de euros. Con todo, a concesionaria que resulte adxudicataria deberá desdobrar este corredor en autovía cando a intensidade do tráfico así o requira e, en todo caso, antes do 2018, unha actuación que suporá un investimento adicional de 51'2 millóns de euros. En total, para a materialización da infraestrutura o sistema concesional implica que a concesionaria deba asumir un investimento total de 249,5 millóns de euros.

A proposta deseñada pola actual Xunta de Galicia para a Costa da Morte prevé unha estrada de nova construción libre de peaxe con características de corredor en todo o trazado, dende Carballo ata Cee. Este cambio supón que poderá desdobrarse en autovía no momento en que os niveis de tráfico así o requiran e, no treito comprendido entre Carballo e Berdoias, sempre antes de 2018. A nova vía contará en todo o seu percorrido cunha calzada homoxénea de dous carrís de 3,5 metros de ancho cada un, dúas beiravías de 2,5 metros e dúas bermas de 0,75 metros.

Xunto coa licitación da VAC entre Carballo e Berdoias, a CPTOPT tamén ven de someter a información pública os estudos informativos da variante de Carballo (máis de 6 quilómetros e un orzamento estimado de 11 millóns de euros).

Compartir: