Inicio Carballo ao día Hemeroteca O CPI Cabo da Area e Francisco Campos...

OS TRES GAÑADORES DO CERTAME DE MONÓLOGOS PASARÁN A FORMAR PARTE DA REDE DE PARAMOUNT COMEDY

O CPI Cabo da Area e Francisco Campos gañan a VII edición do Concurso Teatro Lido Xosé Manuel Eirís e do Certame Galego de Monólogos Cómicos

Luns 29 de outubro do 2007

Os gañadores da VII edición do VII Concurso de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, no que participaron 110 nenos e nenas de 17 grupos pertencentes a colexios e asociacións tanto de Carballo como da comarca de Bergantiños, foron o grupo 'Os Misteriosos', do CPI Cabo da Area, que acadou o primeiro premio coa obra O misterio do ovo esférico; 'Os Artaicos', do colexio Artai, gañadores do segundo premio con Carta de América; 'As Teatreiras' do CEIP San Luis Romero, que se fixeron co terceiro premio coa peza Serafín e Malacueco na corte do rei Escama. O grupo 'Torre da Moa', tamén do CPI Cabo da Area, acadou o cuarto premio coa obra A fraga encantada.

A entrega destes premios tivo lugar no auditorio do Pazo da Cultura e contou co patrocinio de Bertv e da Editorial Galaxia.

Na tamén VII edición do Certame Galego de Monólogos Cómicos, na que un grupo de monologuistas afeccionados e profesionais representaron os seus pequenos espectáculos, os gañadores foron Francisco Campos, primeiro premio co monólogo A.M.E.N; Pedro Brandariz, segundo premio con Profundizando na Galiza profunda; e Jorge Díaz, terceiro premio co texto Bibi andergraun.

Os tres gañadores pasarán a formar parte da rede de Paramount Comedy, á que tamén pertence o presentador da final, Ramón Guamá, e que ten por obxecto a promoción dos novos talentos da comedia.

Compartir: