Inicio Carballo ao día Hemeroteca Dóbrase o número de parroquias que...

O PRAZO DE INSCRIPCIÓN PERMANECE ABERTO

Dóbrase o número de parroquias que participan no programa de ximnasia e mantemento para maiores

Xoves 18 de outubro do 2007

O departamento do que é máxima responsábel a concelleira nacionalista Lourdes Rey Fau non pechou o prazo de admisión de novas solicitudes para o programa de ximnasia e mantemento que puxo en marcha tendo en conta a boa acollida do mesmo, xa que ás tres parroquias que participaban nel na pasada edición se engadiron tres novas na actual. A elas hai que sumarlle tamén que estas actividades se levan a cabo na residencia da terceira idade da praza de Vigo.

A única condición que existe polo momento para poder organizar estas actividades noutras parroquias carballesas é a da dispoñibilidade dun lugar axeitado para a realización de exercicio e que se logre xuntar un grupo de 10 persoas como mínimo. Os/as cidadáns/ás que desexen apuntarse poden facelo en Servizos Sociais do Concello de Carballo.

O obxecto desta actividade é por a disposición das persoas maiores un programa específico de actividade deportiva, completamente gratuíto. As persoas que superan os 60 anos de idade teñen así a oportunidade de manter e mellorar a súa calidade de vida. As iniciativas programadas, especialmente adaptadas á súa condición, favorecen asemade as relacións sociais entre este colectivo.

Os horarios e lugares nos que se desenvolve este programa son:

    • Residencia da Praza de Vigo: de luns a venres de 10:00 a 11:00 horas
    • Cances: luns e xoves de 17:00 a 18:00 horas
    • Berdillo: martes e venres de 17:00 a 18:00 horas
    • Rus: mércores e venres de 18:00 a 19:00 horas
    • Baldaio: martes e xoves de 19:00 a 20:00 horas
    • Razo: luns e mércores de 18:45 a 19:45 horas
    • Noicela: pendente aínda de confirmar

Compartir: