Inicio Carballo ao día Hemeroteca A organización de FIOT 2007 nomea Xoglar...

PARTICIPARÁ NESTA EDICIÓN COMO DIRECTOR DO ESPECTÁCULO NOITE DE REIS

A organización de FIOT 2007 nomea Xoglar de Outono a Quico Cadaval

Xoves 11 de outubro do 2007

Quico Cadaval, actor, director e adaptador teatral, é unha das figuras máis relevantes da historia do teatro galego contemporáneo e o impulsor do movemento de contacontos xurdido en Galiza na década dos noventa. A súa vocación venlle xa da súa nenez, na que gostaba de contar os contos que lle escoitaba ás persoas maiores que pasaban pola taberna da súa nai en Ribeira.

Comezou na interpretación teatral a finais dos anos sesenta no Centro Dramático Galego, dirixindo pezas como O ano do cometa ou Como en Irlanda e a mediados dos oitenta fundou a súa propia compañía: O Moucho Clerc.

Na súa faceta de dramaturgo produciu os textos Un códice Clandestino, unha dramaturxia dos poemas medievais galaico-portugueses; O rouxinol da Bretanha, sobre BD de Hugo Pratt; A Caza do snark, sobre o poema de Lewis Carrol; Se o vello Simbad volvese ás illas e O ano do cometa ambos de Álvaro Cunqueiro; Rapatú, dun conto popular europeo; A sogra do diablo, ou Espantoso!!, premiado co María Casares ao mellor texto orixinal do teatro galego en 2002.

Traballou tamén en diferentes producións da TVG, así como en curtas e longametraxes, como director en A miña sogra e mais eu ou como actor en Cabeza de boi ou Matías, juez de línea, entre outras.

A Asociación Cultural Telón e Aparte destaca con este premio a vinculación de Quico Cadaval co Festival Internacional Outono de Teatro, xa que participou como director e actor en numerosos espectáculos do festival e, nesta edición, participa coa dirección do espectáculo do Centro Dramático Galego, Noite de Reis. A maiores, destaca tamén a súa participación ao longo dos anos en espectáculos de pequeno formato en pubs e cafeterías de Carballo, tanto dentro do FIOT como en outros periodos de programación teatral.

Compartir: