Inicio Carballo ao día Hemeroteca Evencio Ferrero e José Antonio Viña...

O ACTUAL EXECUTIVO CONFÍA EN INICIAR O ANTES POSIBLE OS TRÁMITES NECESARIOS PARA DESEÑAR O PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL

Evencio Ferrero e José Antonio Viña valoran positivamente a primeira etapa de goberno bipartito

Luns 24 de setembro do 2007

O Concelleiro de Urbanismo, Medio Ambiente e Contratación, José Antonio Viña, que interveu en primeiro lugar para facer balance das áreas das que é responsable o seu grupo, quixo destacar "que este é un goberno que está funcionando de forma moi coordinada e no que todo apunta a unha etapa de gran colaboración", vencellando despois parte dese bo entendemento a que "no que respecta á xestión política, cada grupo traballa cos seus recursos de forma independente pero sempre en coordinación co resto do goberno".

Viña, que definiu estes primeiros meses de goberno bipartito como "un período de traballo moi extenso" asegurou, no caso concreto da Oficina Técnica Municipal, da que é responsable e dende a que confía en "poder darlle solución aos trámites que requiren os veciños o máis rápido posible", que se estivo facendo un traballo de seguimento das obras e tramitacións que xa estaban en marcha, así como de redefinición dalgunhas cuestións que estaban "lixeiramente descadradas".

Máis dedicacións exclusivas para un concello en constante crecemento
Pola súa banda Evencio Ferrero, sinalou, lembrando que a mesma situación é a que se produce na Deputación Provincial da Coruña e na Xunta de Galicia, que "esta é a primeira vez que neste concello se dá un modelo de colaboración BNG-PSOE de forma tan definida", unha situación que, segundo apuntou, responde a "un mandato electoral que foi inequívoco, pois fomos os grupos que obtivemos apoio crecente do electorado".

Volvendo ao momento no que se sentaron as bases do bipartito, o alcalde carballés apuntou que BNG e PSdG constituíron un goberno "forte, estable, e capaz de dar respostas ao Carballo do futuro", e sinalou a ampliación do número de dedicacións exclusivas como unha das medidas máis necesarias e determinantes que tomou o novo executivo, unha decisión que, en palabras de Ferrero, está relacionada co crecemento da poboación en Carballo e co consecuente "aumento de demandas por parte da cidadanía".

Os orzamentos de 2008 e o PXOM como prioridades de maior urxencia
Nun momento no que, tal e como declarou Evencio Ferrero, xa é visible o traballo que o actual executivo puxo en marcha durante o período estival, o deseño dos orzamentos de 2008 e do Plan Xeral de Ordenación Municipal son as prioridades máis inmediatas que ten marcadas o actual goberno. No caso deste último, o rexedor carballés cualificou de "urxente" o deseño dun plan que ordene o territorio municipal e confía en que a oposición, á que quixo tender unha man para traballar de forma conxunta, "entenda igualmente esta urxencia".

A maiores destas dúas cuestións, Evencio Ferrero mencionou outros obxectivos clave nos que traballará o actual executivo, algúns deles xa trazados na actualidade. Este será por exemplo o caso do polígono de Bértoa; da variante que circunvalará perimetralmente o casco urbano da vila, cuxa importancia é vital tendo en conta o constante proceso de concentración demográfica ao que asiste a capital de Bergantiños; ou o dos novos servizos e equipamentos que o executivo carballés ten previsto redinamizar ou poñer en marcha durante o actual mandato (dúas novas escolas infantís, unha nova casa-cuartel para a Garda Civil, a ampliación do xeriátrico da praza de Vigo, a ampliación da actividade formativa na Casa dos Oficios, un novo edificio para a escola de idiomas, promoción de vivenda pública, novos parques e xardíns...). Para Evencio Ferrero estas cuestións son fundamentais dende o momento en que se pode constatar que Carballo, ademais de pola súa situación xeográfica, "exerce poder de atracción polos servizos que presta aos seus cidadáns e cidadás".

Á par destas cuestións, Ferrero fixo tamén alusión á creación dun novo mercado municipal, informando de que xa é un feito que o Concello de Carballo contará coa colaboración da Dirección Xeral de Comercio, da Consellería de Industria e Innovación, e á creación parella de novas prazas de aparcamento nas súas proximidades. Na mesma orde de prioridades, o alcalde mencionou tamén a importancia que terá para o goberno que representa a cuestión "do saneamento das concas de Baldadio e da zona do val do Rus", onde se sitúan importantes núcleos de poboación, e maila propia rede de saneamento municipal.

Compartir: