Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Consellería de Cultura integra a...

A PRIMEIRA REPRESENTACIÓN TERÁ LUGAR ESTE SÁBADO DÍA 15

A Consellería de Cultura integra a Carballo na celebración do 125 aniversario do teatro galego

Mércores 12 de setembro do 2007

O programa que a Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia e o Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais deseñaron para a celebrar os 125 anos de existencia do teatro galego, e que contempla unha xira na que 25 compañías do país percorrerán 38 localidades galegas, inclúe tamén ao concello de Carballo, unha decisión que o rexedor carballés, Evencio Ferrero, agradeceu á delegada provincial da Consellería de Cultura e Deportes, Milagros Lantes no transcurso da presentación dos espectáculos que terán lugar na capital de Bergatiños nas vindeiras semanas.

Milagros Lantes, ademais de repasar os actos previstos para Carballo, quixo recordar aos presentes o traballo desenvolvido pola Consellería de Cultura para lanzar o primeiro Plan Galego de Artes Escénicas.

O Pazo da Cultura de Carballo será o escenario no que este mes terán lugar as dúas representacións teatrais previstas e acollerá tamén, xa en outubro (do 11 ao 20), a exposición Un país desde as táboas, unha mostra que repasa a historia do teatro galego a través de multitude de documentos, algúns deles inéditos. No que ás actuacións respecta, o vindeiro sábado 15, ás 21:00 horas, a compañía Teatro do Noroeste escenificará Romeo e Xulieta, unha visión moi actual do clásico de Shakespeare. O domingo 23, ás 19:00 horas, será o turno de Títeres Cachirulo coa obra Do, re, mi, Mozart xoga aquí, que se presenta como unha interesante alternativa de ocio para os máis pequenos.

Compartir: