Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pavillón Vila de Noia acolle esta tarde...

A FINAL SERÁ EN RIBADAVIA O DÍA 9 DE SETEMBRO

O pavillón Vila de Noia acolle esta tarde as semifinais da I Copa Galicia de Balonmán

Venres 7 de setembro do 2007

O primeiro destes encontros, que enfrontará ao OAR da Coruña (división de honra B) co Octavio Pilotes Posada (Liga Asobal) xogarase hoxe a partir das 19 horas, mentres que o outro partido, entre o Frigoríficos do Morrazo Cangas (división de honra B) e a SD Teucro (Liga Asobal), comezará ás 21:15 horas.

A presentación das semifinais da I Copa Galicia de Balonmán, cuxa final se xogará o 9 de setembro en Ribadavia, contou coa presenza de Evencio Ferrero, alcalde do Concello de Carballo; Milagros Lantes, delegada provincial de Cultura e Deportes; Jesús Pedrido, vicepresidente da Federación Galega de Balonmán; Francisco García, director xerente do Padroado; Marcos Trigo, concelleiro de Deportes e José Antonio Rodríguez, en representación de Balonmán Xiria.

Jesús Pedrido, vicepresidente da Federación Galega de Balonmán, quixo agradecer á Dirección Xeral para o Deporte e ao Concello de Carballo o apoio prestado para a celebración desta I Copa Galicia de Balonmán. Pola súa banda Milagros Lantes, delegada provincial de Cultura e Deportes, destacou que todos os equipos participantes contan cunhas categorías de base importantes e que ademais dous deles teñen convenios de colaboración con outros clubs para o potenciamento da base deste deporte (OAR con Xiria e Teucro con Cisne). Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, quixo salientar a entidade dos equipos que participan, destacando que son do mellor do balonmán galego, e manifestou o seu desexo de que esta tarde se vexa en Carballo un bo espectáculo.

Compartir: