Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle a partir de hoxe os partidos da...

AS CATEGORÍAS BENXAMÍN E ALEVÍN MIXTO DISPUTARÁN ESTA COMPETICIÓN NO MES DE DECEMBRO

Carballo acolle a partir de hoxe os partidos da cuarta edición do seu torneo internacional de balonmán

Mércores 5 de setembro do 2007

Esta nova edición do Torneo Internacional de Balonmán Concello de Carballo, organizado conxuntamente polas Escolas Balonmán Xiria e polo Padroado Deportivo Municipal de Carballo, presenta novidades no eido organizativo. Nesta ocasión, e atendendo ás necesidades de cada idade, o equipo organizador decidiu disputar en setembro a competición das categorías infantil, cadete e xuvenil, deixando as de benxamín e alevín mixto para o mes de decembro.

As categorías infantil, cadete e xuvenil participarán os días 6, 7 e 8 de setembro, e, deste xeito, a competición serviralles como remate do período de pretempada para xogadores xa iniciados neste deporte do balonmán. As demais categorías xogarán en decembro, unha decisión que, en consideración dos organizadores, responde ás dificultades que moitos equipos presentan no mes de setembro para ter confeccionados equipos con xogadores que, na maioría dos casos, toman contacto por primeira vez con este deporte.

Este torneo, no que colaboran Protección Civil e Policía Local do Concello de Carballo, así como a Federación Galega de Balonmán, conta co patrocinio do Concello de Carballo, da Deputación Provincial da Coruña, da Fundación Deporte Galego e de Caixanova.

O sistema de competición fixado pola organización establece a celebración dunha liga a unha única volta no que todos os conxuntos se enfrontarán uns cos outros. De cara á súa clasificación aplicaranse os criterios que a tal efecto recolle o NO.RE.BA Galicia 2007/2008.

Podes descargar aquí o cadro de horarios e enfrontamentos do IV Torneo Internacional De Balonmán Concello de Carballo.Deporte de referencia en CarballoO acto de presentación do torneo, que tivo lugar onte na casa do concello, contou coa presenza de Evencio Ferrero, alcalde de Carballo; Marcos Trigo, concelleiro de Deportes; José Antonio Rodríguez, directivo da sección de balonmán da Asociación Deportiva Xiria; Francisco García, director xerente do Padroado Deportivo Municipal e Marcos Rodríguez, director deportivo das escolas de Xiria.

Evencio Ferrero quixo destacar o balonmano como "un deporte de referencia neste concello", motivo polo que asegurou que "para esta adiministración é unha obriga apoiar o deporte base". Así mesmo, manifestou o seu desexo de que este campionato "siga sendo un referente no mundo do balonmán galego".

Compartir: