OS ENCONTROS SERÁN, COMO DE COSTUME, O ÚLTIMO MÉRCORES DE CADA MES
O terceiro trimestre de Literactúa contará con Sechu Sende, Carlos G. Meixide e Manuel Rivas
Venres 24 de agosto do 2007
Neste terceiro trimestre de Literactúa Sechu Sende conversará cos seus lectores e lectoras o mércores día 26 de setembro, ás 20:30 horas, na Taberna-Café O’Patacón, mentres que Carlos G. Meixide estará o mércores 31 de outubro, á mesma hora, no Café Colón. Manuel Rivas, pola súa banda, participará no encontro que terá lugar o 28 de novembro na cervexaría Dublín, ás 20:30 horas.
Literactúa ten a vontade de estabilizar e darlle continuidade ao fomento do libro e da lectura en galego e de tecer pontes entre outras propostas relacionadas co libro que xa se desenvolven desde o Concello, como poden ser, Praza dos Libros, que ten lugar xustamente nestes días, a Semana do Libro e a Lectura ou Libros Ceibes.
Dende que se puxo en marcha, a comezos de 2007, este programa aberto, dinámico e participativo logrou ir implicando a diferentes persoas, entidades, colectivos… de Carballo. Nesta iniciativa colaboran a Libraría Brañas, Libraría Teldy, Libraría Trasgo, Libraría Villar, Café Colón, Café Taberna O’Patacón, Café Valle Inclán, Cervexaría Dublín, Cervexaría San Xoán, Pub Silfo, Biblioteca Municipal de Carballo e o Servizo de Normalización Lingüística.