Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Praza dos Libros 2007 encherá Carballo...

FEIRA LITERARIA

A Praza dos Libros 2007 encherá Carballo de actividades literarias e outras propostas culturais durante catro días

Venres 17 de agosto do 2007

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a concelleira de Cultura e Normalización Lingüística, Belén Lendoiro; e o representante dos libreiros, Ramón Tasende, presentaron en conferencia de prensa a Praza dos Libros 2007, que terá lugar no Xardín Municipal de Carballo entre o xoves 23 e o domingo 26 de agosto de 2007.

Na feira participarán diversas librarías (Brañas e Trasgo, de Carballo; Couceiro e Orizales, da Coruña; e Roget, de Vimianzo), mais tamén outras entidades e asociacións con diversos produtos culturais (A Xente das Cores e Manis, con orixinais camisetas; Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Concello de Carballo, etc.).

O programa inclúe múltiples presentacións de libros, como Lingua, nación e identidade, de Xosé Ramón Freixeiro Mato; As horas de María, de Paco Souto; Arte e parte, de Xurxo Borrazás; Crónicas de Carballo, de Xan Fraga; Historia dunha lata e Lume!, de Alberto Varela Ferreiro; Seavia é nome de parroquia, de Xosé Antonio Andrade; e O bosque da Nadgor, de Farruco Graña. Tamén haberá sinatura de libros por parte de Santiago Jaureguizar. A encargada do pregón será Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) e coordinadora dos equipos de normalización lingüística (ENL) dos centros de ensino da provincia da Coruña. Será o xoves 23 ás 13.00 h.

Ademais haberá moitas outras propostas, como A Fábrica da Fantasía (actividades para nenas e nenos) ou concertos de balde, como os da caboverdiana Nancy Vieira (venres 24 ás 22.30 h); O Leo i Arremecághona, que presentará Hai cu. Pintadas no váter (o sábado 25 ás 21.30 h); ou o cantautor cubano Norge Batista (o domingo 26 ás 21.30 h). Tamén haberá títeres, o venres 24 ás 20.00 h, con Viravolta. O domingo pola mañá, quen merque un libro será agasallado/a cun pan da marca Pan de Carballo (Un libro, un pan).

As casetas estarán abertas en horario de 11.00 h a 14.00 h e de 17.30 h a 21.30 h.

O programa completo, aquí.

Compartir: