Inicio Carballo ao día Hemeroteca Xestur adxudica as obras de urbanización...

O PROCESO DE VENDA DAS PARCELAS COMEZARA A FINAIS DE ESTE ANO

Xestur adxudica as obras de urbanización da primeira fase do novo polígono de Bertoa

Xoves 26 de xullo do 2007

A Consellería de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia contratou por 9.927.432 euros a execución das obras de urbanización da primeira fase do parque empresarial de Bertoa á UTE CRC Obras y Servicios SL e Lubasa, adxudicataria final nun consurso público ao que concorreron un total de 33 empresas. Entre elas, e segundo un comunicado feito público pola devandita consellería, a UTE CRC Obras y Servicios SL e Lubas foi a que formulou, en conxunto, a proposta máis vantaxosa e tendo en conta que a mesa de contratación valorou a proposta económica, a planificación da obra, o equipo humano dispoñible, os materiais a empregar e a experiencia destas empresas en actuacións similares.

A primeira fase deste parque empresarial de Bertoa abrangue unha superficie de 718.482 metros cadrados, 704.884 deles reservados para naves e divididos en 168 parcelas (64 de entre 500 e 1.000 metros cadrados, 67 de 1.000 a 2.000, 30 de 2.000 a 5.000 e sete de máis de 5.000). A segunda fase, que se desenvolverá con posterioridade, disporá de 550.000 metros cadrados máis de solo empresarial e con eles o conxunto do novo parque empresarial sumará unha superficie total de 1.280.000 metros cadrados.

O proxecto sectorial para o desenvolvemento deste parque foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta no pasado mes de febreiro e, a día de hoxe, a Consellería de Vivenda e Solo xa ten adquiridos 345.317 metros cadrados de solo por mutuo acordo e por un investimento de 2,5 millóns de euros. A inversión total prevista para a adquisición dos terreos e a urbanización do parque ascende a 35 millóns.

A adxudicación destes traballos supón un novo paso adiante na construción dun polígono que o executivo carballés considera clave para o desenvolvemento económico e urbanístico de Carballo.

Compartir: