Mercado Municipal

Mercado Municipal

Mercado Municipal
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 700 310

Horarios: 

L-V: 8.30-14h e 17-22h
Sábados: 8.30-14h
Domingos de feira: 8.30-15h

Comeza a segunda fase das obras de reforma do Mercado Municipal para mellorar a accesibilidade dende a Praza do Concello mediante un ascensor

O acceso aos postos de alimentación realizarase dende a rúa Gran Vía durante a execución das obras

Luns 26 de xullo do 2021

Este luns 26 de xullo quedou pechado o acceso ao Mercado Municipal dende a Praza do Concello para poder acometer as obras de instalación dun ascensor, o que permitirá mellorar a accesibilidade ao edificio e favorecer aínda máis a súa integración coas feiras. Durante a execución dos traballos, que teñen dous meses de prazo, a entrada e a saída do mercado realizaranse pola rúa Gran Vía.

As obras foron adxudicadas á empresa Desarrolla Obras y Servicios, a mesma que vén de acometer tamén a primeira fase do proxecto de reforma do mercado. O Concello de Carballo conta cunha subvención do Agader de 50.000 euros, repartida en dúas anualidades, para levar a cabo a reforma completa, que practicamente acada os 300.000 euros de orzamento.

A instalación do ascensor, que se financiará con cargo ao remanente de tesourería do ano 2019, permite darlle continuidade á reforma interior do edificio que vimos de acometer co obxectivo de modernizar e revitalizar a tradicional praza de abastos para adaptar as instalacións ás demandas dos seus usuarios e usuarias, tanto clientela coma comerciantes, e para que poida entrar a formar parte da rede de mercados excelentes de Galicia. Con ese mesmo obxectivo, dende a Concellaría de Feiras e Mercados estase a traballar no próximo concurso de adxudicación dos postos.

O Mercado Municipal ten un índice de ocupación do 50% (4 carnizarías, 6 peixarías, 1 froitería, 3 panadarías, 1 florería, 1 bar, 1 queixería e 2 tendas non alimentarias) e unha oferta baseada na calidade e nos produtos de proximidade, dúas características que xogan a favor do comercio local, xunto coas feiras e mercados dos xoves e domingos, e que queremos aproveitar para relanzar a praza con este proxecto.

Compartir: