Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

Alingua presenta a campaña "É túa. Pásaa!" para apelar ao uso do galego no individual e no colectivo

O lema xa loce nas fachadas de edificios municipais dos 19 concellos que forman parte da asociación, entre eles o de Carballo

Martes 18 de abril do 2023

O Concello de Vilagarcía acolleu esta mañá a presentación do programa de actividades para os vindeiros meses de Alingua, Asociación de entidades locais pola lingua galega, á que vén de adherirse o Concello de Carballo. A asociación, que é xestionada a través dos servizos de normalización lingüística de dezanove concellos, inclúe entre os seus obxectivos fundamentais promover e dinamizar o emprego do galego. Con esta premisa hoxe presentáronse as accións que se desenvolverán no primeiro semestre do ano e que converxen baixo a campaña É túa. Pásaa!. Este é o lema amosado a través de lonas en edificios municipais dos concellos participantes e esta mañá desvelouse que tamén é o retrouso da pegadiza canción que focaliza a mensaxe.

O lema elixido para a nova campaña fai unha chamada á acción: usa e transmite a túa lingua, o galego. Ademais das lonas, hoxe desvelouse o tema musical creado para transmitir esa mensaxe (pódese escoitar nesta ligazón). Trátase dun tema realizado por Fátima Pego, recoñecida cantante e comunicadora, e Grande Amore, destacado artista do panorama musical actual, que convida a coidar a lingua pero sobre todo convida a falala, a usala. Para dar continuidade á campaña repartirase material promocional como vinilos e bandeirolas, para que a veciñanza e os colectivos poidan facer visible o seu apoio a esta campaña e tamén para que aquelas persoas que non falan galego, se animen a dar o paso.

Xunto ao vídeo, no mes de maio estrearase nas distintas canles de Alingua a webserie en formato vlog O gran reto, na que tres persoas castelanfalantes amosarán a súa experiencia vivindo en galego durante 21 días. A creadora de contido María Rúa será a presentadora deste proxecto, no que cada protagonista fará un capítulo semanal con distintos desafíos e relatará a súa experiencia na transición lingüística.

Alingua tamén publicará nas súas redes sociais os próximos meses entrevistas a persoas de diversos ámbitos que achegarán as súas vivencias coa lingua, novos recursos en galego ou sorteos para visitar o fondo mariño, entre outros contidos.

Alingua é unha entidade da que forman parte dezanove concellos galegos: A Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Carballo, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa, e a Deputación de Pontevedra como membro amigo. Moitas destas institucións locais xa viñan colaborando en proxectos como Apego, Youtubeiras, Club de Debate ou Enreguéifate, e en 2019 crearon Alingua coa vontade de desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma entre diferentes concellos.

Compartir: