A mellora da calidade da lingua, a análise en Carballo
O mércores 18 e o xoves 19 de xullo terá lugar no Fórum o curso de verán Traballando na Calidade da Lingua, no que participarán arredor de 50 persoas
Martes 17 de xullo do 2018
![](../media/img/1x360.jpg)
Polo Fórum Carballo pasarán estes días numerosas persoas expertas en lingua para reflexionar e facer propostas de mellora arredor da calidade do idioma. Así, intervirán expertos como o catedrático carballés Xosé Ramón Freixeiro Mato, o director do Instituto da Lingua Galega (ILG) Xosé Luís Regueira, as profesoras e profesores Mercedes Queixas, Bieito Silva, Xoán Costa, Valentina Formoso, Susana Devesa, Xesús Ferro Ruibal, Neal Baxter, Alba Cid, Carlos Biscaiño, Xavier Gómez Guinovart ou Xosé Manuel Sánchez Rei, e as/os lingüistas Anxos Sobriño, Xermán García Cancela, Luz Méndez, Xusto Rodríguez Río ou Nel Vidal, ademais de persoas significativas de diversos ámbitos de interese para o idioma, como poden ser o director teatral e contador Quico Cadaval, as actrices Isabel Risco e Esther Carrodeguas, os actores César Cambeiro e Luís Iglesia, a xornalista da TVG Susana Suárez Recouso e o humorista audiovisual Iván Capón (Paramo Pictures).
O curso de verán que cada ano organiza a Universidade da Coruña en Carballo este ano non se centrará, como todos os anteriores, na dinamización da lingua galega, senón que enfocará o seu traballo na calidade da lingua. Terá lugar durante dous días, o mércores 18 e o xoves 19 de xullo, no Fórum Carballo, e reunirá arredor de 75 expertos/as na materia, entre 25 que intervirán ao longo dos dous días e os arredor de 50 anotados no curso.
Durante as dúas xornadas traballarase sobre a necesidade e sentido do uso dunha lingua de calidade, a fonética e a autenticidade lingüística, o compromiso coa calidade da lingua no ensino, na pantalla ou nos escenarios, a fraseoloxía, o sexismo lingüístico, a responsabilidade dos entes públicos, as novas tecnoloxías como ferramenta para o coidado da lingua ou a calidade do idioma no humor.
Inauguración
O curso, que ten horario de mañá e tarde, será inaugurado o mércores 18 ás 9.30 h polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a presidenta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL); Anxos Sobriño; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez; e o director do curso, Xosé Manuel Sánchez Rei.
Esta actividade formativa está organizada pola Universidade da Coruña, dentro do seu programa oficial de cursos de verán, e conta coa colaboración co Concello de Carballo, a Xunta de Galicia e a CTNL.