Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

A Regueifesta reúne este mércores en Compostela repentistas e escolares da Galicia, País Vasco e Cataluña

O Proxecto Enreguéifate, de posta en valor e difusión da improvisación oral, chega ao seu remate na edición deste curso

Martes 1 de maio do 2018

Durante os últimos meses, no marco deste proxecto Enreguéifate, desenvolvido polos concellos de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo –desde os seus servizos de normalización lingüística–, o profesorado participou na Xornada Enreguéifate, que tivo lugar en febreiro en Carballo, e alumnas e alumnos dos centros de ensino participaron nos obradoiros de regueifa que tiveron lugar nos catro municipios organizadores, onde aprenderon as técnicas básicas da improvisación oral cantada en verso para, entre outras cousas, poderen participar no certame Enreguéifate a través de vídeo, ao que se presentaron case un cento de vídeos e cuxos premios serán entregados, precisamente, neste festival Enreguéifate.

A Regueifesta foi impulsada polos IES Maximino Romero de Lema (Baio) e o IES Marco do Camballón (Vila de Cruces) e chega este ano á súa terceira edición. Desde o ano pasado é tamén a festa final do proxecto Enreguéifate. Nesta terceira edición reuniranse en Compostela máis de 1.000 estudantes que traballaron a improvisación oral en verso nas aulas durante este curso e que participaron no certame Enreguéifate. No caso de Carballo, nos obradoiros participou todo o alumnado de 1º da ESO dos IES Parga Pondal, Alfredo Brañas e Monte Neme, e na Regueifesta deste mércores participará alumnado do IES Alfredo Brañas.

Nesta edición do festival participarán como convidadas, ademais, unha delegación de repentistas adolescentes do País Vasco, bertsolaris, e outra delegación de Cataluña, glosadors, que farán unha mostra das súas formas de improvisación.

Na Regueifesta participará alumnado de mais de 30 centros de toda Galicia e sobre o escenario terá o protagonismo a xente nova que está a converter a regueifa nun movemento socio-educativo impulsado polas comunidades escolares por toda a nosa xeografía.

Dous proxectos con múltiples obxectivos

Os proxectos Enreguéifate e Regueifesta teñen como obxectivos impulsar a improvisación oral en verso como motor de normalización lingüística entre a xente nova, visibilizar a música galega como ferramenta educativa e de lecer e tempo libre, e renovar o mundo da regueifa desde valores de igualdade de xénero e xustiza social. Ademais, a regueifa está a mostrarse como un poderoso recurso educativo para desenvolver habilidades comunicativas, creativas e de relación social baseadas na autoestima e a seguridade persoal. A regueifa, alén diso, é un recurso para desenvolver o pensamento crítico de forma individual e colectiva.

Na festa da regueifa terá lugar a entrega dos doce premios do concurso Enreguéifate, no que participaron case un cento de vídeo-regueifas. Un éxito absoluto de participación para ser o segundo ano deste certame.

A Regueifesta será presentada por Alba María, Josinho da Teixeira, Manolo Maseda e Séchu Sende, coa colaboración das crianzas do Clube de Regueifa da Escola Semente, alumnado do IES Antonio Fraguas, de Compostela, do Modelo Burela, alumnado do CEIP de Pobra de Trives, do IES a Cachada de Boiro, do IES de Baio ou do IES de Vila de Cruces.

Compartir: