Youtubeir@s xa ten gañadoras
Un videotitorial de como facer un guiso Anti-San Valentín e un vídeo sobre o conflito da praga da couza guatemalteca fanse cos premios desta primeira edición do concurso de vídeos na Rede
Sábado 27 de maio do 2017
![](../media/img/yu.jpg)
Este venres no Teatro Principal de Ourense tivo lugar a entrega de premios do Concurso de vídeos na Rede, Youtubeir@s, un proxecto no que participa activamente o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo. No transcurso da noite entregáronse os dous premios principais valorados cun trofeo e 1.000€. Tamén se anunciaron as catro mencións honoríficas cun premio de 500€ cada unha.
No acto, presentado pola actriz Iria Pinheiro, fixéronse innúmeras referencias ao mundo youtubeiro e aos seus códigos e predominou a ironía e o humor. Iñaki Quenerapú fixo un monólogo sobre a importancia de elixir ben a miniatura estática nos vídeos de YouTube e a Vj Marta Verde realizou un espectáculo de mistura cos vídeos participantes en directo. O acto contou con máis de 200 persoas entre concursantes e representacións institucionais dos concellos e das universidades promotoras do Concurso.
O IES Urbano Lugrís de Malpica acadou o recoñecemento á calidade lingüística pola peza colectiva “Seis pasos para falar malpicán"
A deliberación do xurado, entre máis de 200 vídeos presentados, resultou complicada. Finalmente, as pezas gañadoras foron, na categoría vídeo-facermos, para “Guiso especial Anti-San Valentín” realizado polas youtubeiras de Corasón de Churrasco, e na categoría vídeo-opinarmos, o premio foi para “Prohibido plantar patacas: a praga da couza guatemalteca” presentado polas youtubeiras de Teño unha horta en San Sadurniño. Estes dous premios foron entregados por dous membros do xurado, María Yáñez e Manuel Núñez Singala.
As mencións honoríficas foron entregadas pola Concelleira de Cultura e Normalización Lingüística de Ourense, María Belén Iglesias e o Concelleiro de Normalización de Pontevedra, Alberto Oubiña. A mención especial polo enxeño e creatividade foi para David Otero Fumega co seu vídeo “SmartFol G6! Unha Review moi especial” e o premio que destaca a eficiencia comunicativa foi asignado ao videotitorial “Tortilla de Pascua” da youtubeira Isabel Villanueva. A mención de honra
á calidade técnica recibiuna Miguel Rodríguez González pola súa vídeo-opinión “1000 rpm - A noite” e o recoñecemento á calidade lingüística foi para o IES Urbano Lugrís de Malpica pola peza colectiva “Seis pasos para falar malpicán”.