Carballo acolle este venres a gala dos XV Premios Galicia á Xestión Deportiva, organizada por Agaxede
O evento celebrarase ás 20.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura
Martes 10 de decembro do 2024
A Asociación Galega de Xestión Deportiva (Agaxede) celebra este venres 13 en Carballo a gala de entrega dos XV Premios Galicia á Xestión Deportiva. O acto comezará ás 20.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura, pero xa desde as 17.30 horas celebrarase nese mesmo edificio o II Encontro de xestión deportiva de Galicia, que inclúe unha mesa de debate sobre motivacións e barreiras para a práctica deportiva na que, entre outros convidados, participará o técnico de deportes do Concello de Carballo, Manuel Varela Bardanca.
O presidente de Agaxede, Eduardo Blanco Pereira, e o coordinador xeral da entidade, Cristian Florín Gavril, estiveron este martes en Carballo para presentar a gala xunto co alcalde, Evencio Ferrero Rodríguez, e o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez López.
Eduardo Blanco expresou a súa satisfacción pola celebración da gala en Carballo, sobre todo porque o noso concello recibiu o ano pasado “o premio á mellor xestión pública, algo moi de valorar nestes momentos nos que a xestión pública, non sei por que, decae”.
O presidente de Agaxede explicou ademais que os premios tratan de recoñecer o traballo que desenvolven as persoas que traballan polo deporte desde as entidades públicas e privadas, “ás que non sempre se lles recoñece o traballo”. Este curso os galardóns son os seguintes:
- Premio á mellor persoa xestora do deporte: Miguel Lozano Garrido (Fundador e CEO da empresa BZ55)
- Premio á mellor actividade ou programa deportivo: Clube Rugby Fendetestas
- Premio á xestión deportiva dun concello menor de 15.000 habitantes: Concello de Ribadeo
- Premio á xestión pública do deporte: Concello de Ames
- Premio á xestión deportiva empresarial: Distrito Estudio
- Premio á xestión deportiva no terceiro sector: Federación Gallega de Pádel
- Premio ao mellor estudo ou innovación no deporte: Joan Celma Giménez (Presidente do Observatorio Internacional do Deporte)
- Premio ao mellor patrocinio deportivo: Empresa Calvo
- Premio á xestión sostible no deporte: Concello de Muras
- Premio á xestión deportiva de inclusión social: Escola de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco (Proxecto TUXELEIRES Rugby)
- Premio á xestión deportiva con perspectiva de xénero: Club BKC Boxeo Kick Boxing Coruña
- Recoñecemento especial “José Luís Salvador”: xornal digital 21 Noticias
O concelleiro de Deportes e o alcalde expresaron o seu agradecemento a Agaxede “por escoller Carballo para esta gala”. Daniel Pérez puxo en valor o papel do noso concello na promoción e na práctica do deporte, froito, dixo, “dun traballo moi ben feito polos técnicos, pola súa profesionalidade e dedicación, e sobre todo polo movemento asociativo, no que hai moita xente que dedica moito tempo da súa vida a que isto saia adiante”.