Deporte

Deporte

SÁBADO 20 DE XULLO, DE 11.00 A 13.00 HORAS

Concello de Carballo e O Toque Xiria celebran o Día Mundial do Xadrez con actividades para todos os públicos

A estrea dos taboleiros xigantes, un torneo de partidas rápidas e obradoiros para nenos encherán a mañá

Martes 16 de xullo do 2024

O 20 de xullo celébrase o Día Mundial do Xadrez, un antigo e tradicional xogo de mesa que require dunha gran destreza e axilidade mental. Con motivo da efeméride, o Concello de Carballo e o Club de Xadrez O Toque Xiria organizan unha celebración conxunta que ten como finalidade contribuír á promoción desta disciplina deportiva entre toda a sociedade. Presentámola hoxe, no mesmo espazo no que se celebrará a xornada, coa presenza do alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez; o presidente de O Toque Xiria, Xavier Teixeira; Laureano Faya, secretario, e Óscar de Prado, vogal.

Este sábado, de 11.00 a 13.00 horas, o xadrez terá un protagonismo especial na Praza do Concello, onde, ademais das dúas mesas permanentes que vimos de instalar, o club O Toque Xiria colocará outras para que todas as persoas que o desexen poidan xogar unha partida e mesmo participar nun torneo de rápidas. Pero tamén estrearemos os taboleiros xigantes, con pezas especialmente deseñadas para eles e fabricadas, ao igual que as mesas, con material reciclado.

Durante a mañá, así mesmo, estarán a disposición do público libros sobre xadrez cedidos polas bibliotecas municipais para a ocasión, e ademais teremos un recuncho con actividades para nenos e nenas no que haberá pintacaras e un obradoiro de manualidades relacionadas coa celebración. Achegádevos en familia e gozade da festa do xadrez!

Compartir: